A semana grande do Salón Internacional do Cómic rematou onte, pero as exposicións desta XXI edición seguirán na Coruña ata o 9 de setembro
MIGUELANXO PRADO: “VIÑETAS EVIDENCIA A RIQUEZA CREATIVA E O TALENTO DE TODAS AS XERACIÓNS QUE HOXE CONFORMAN O CÓMIC ESPAÑOL E MAIS O GALEGO”
-
“No ámbito editorial, a sensación é de consolidación e incluso, de crecemento”
-
“Os proxectos editoriais que acadaron sobrevivir á crise semellan estar a recuperarse e ata van medrando”
“Aínda ser só unha pequena mostra do panorama global, a XXI edición de Viñetas desde o Atlántico evidencia a riqueza creativa e tamén o enorme talento de todas as xeracións que hoxe conforman a banda deseñada española e, xa en particular, a galega”. A proba é a variedade de opcións presentes nesta vixésimo primeira cita coruñesa coa historieta, segundo o director do Salón Internacional do Cómic, Miguelanxo Prado. “Hoxe en día contamos cun ecosistema diverso, moi rico, no que calquera proposta creativa ten cabida e polo tanto, vai chegarlle ao seu público”. Algo que –di Prado- “hai vinte un anos, cando inaugurabamos o festival na vella Estación Marítima, parecía impensable”.
Mais aí está Viñetas 2018 para demostralo. “Aprobamos a reválida, iso dende logo –ironiza Miguelanxo Prado- e por riba, a auditoría achéganos uns resultados sobradamente positivos”. Dunha banda, o Salón coruñés foi quen de sumarlle, a todos eses artistas consagrados que acudiron este ano, “a xente emerxente que marca o que vai ser o cómic do próximo decenio”. Pola outra, os “razoablemente bos resultados” que recolleu a feira editorial nesta edición.
“A sensación no ámbito editorial –resume Miguelanxo Prado- é de consolidación e ata de crecemento. Os proxectos editoriais que se puxeron en marcha nos últimos tempos e tamén os que sobreviviron á crise, amosan unha recuperación do crecemento”. Nese sentido, engade o máximo responsable de Viñetas, “é precisamente a convivencia no mercado das grandes editoriais e mais desoutras fórmulas emerxentes xusto o que garante ese ecosistema variado do que gozamos neste momento, tal e como amosou esta XXI edición”.
Miguelanxo Prado non agocha a súa satisfacción pola espectacular acollida que, un agosto máis, lle dispensou ao festival coruñés de cómic a cidadanía, tanto a propia como a foránea. “Por máis edicións que levemos ás costas, segue a ser un orgullo tremendo ver como todas as salas se enchen de visitantes, xornada tras xornada”. Tanto é así que, coma sempre, as exposicións manteranse na Coruña ata o 9 de setembro, non só para aqueles que non tiveron a oportunidade de contemplalas ata o de agora, senón tamén, como sinala Prado, “para os que prefiren agardar a que pase esta semana de convidados e charlas diarias e pasarse despois polo Kiosco, ou por Durán Loriga ou María Pita ou o Palexco, e gozalas con calma”.
A presenza en esta XXI edición daqueles autores que chegaban hai anos a Viñetas co seu primeiro traballo baixo o brazo e hoxe xa son referentes indiscutibles na banda deseñada con maiúsculas resultou especialmente grata para o director do Salón, quen, así e todo, declara sen ambaxes “a súa alegría e tranquilidade” diante da incorporación deses novos nomes “con moitísimo talento e idades por debaixo dos 30 anos” que –vaticina Miguelanxo Prado- “dentro doutros vinte anos van ser os referentes da banda deseñada española e mais a galega”.