Outro dos pratos fortes do día será a derradeira sesión de firmas dos debuxantes invitados. Terá lugar entre as 12 h e as 13.30 h, na planta baixa do Kiosco Alfonso
MUNUERA E DOUS DOS AUTORES GALEGOS MÁIS INTERNACIONAIS, DAVID RUBÍN E EMMA RÍOS, PECHAN AS CHARLAS DE VIÑETAS
José Luis Munuera ten a cita ás 18.15 horas e Rubín e Ríos, ás 19.30 horas
-
Ás 18,30 h, na carpa da feira editorial (Rúa da BD), haberá un novo obradoiro de máscaras organizado polas Bibliotecas Municipais. Tamén se desenvolverán presentacións, coma a dos traballos dos alumnos da escola O Garaxe Hermético
As actividades paralelas de Viñetas 2018 rematan mañá sábado coas charlas de José Luís Munuera, un dos debuxantes españois con máis proxección no mercado francobelga e a de dous dos debuxantes galegos con máis éxito no mercado americano,David Rubín e Emma Ríos. Munuera departirá co público a partir das 18.15 horas. Será, coma sempre, no Kiosco Alfonso. sede central do Festival Internacional que promove a concellería de Culturas do Concello coruñés. A quenda de Rubín e Ríos será a partir das 19.30 horas. Nese mesmo lugar, pero na planta baixa, discorrerá a derradeira sesión de firmas dos autores invitados. Será dende o mediodía ata as 13,30 horas.
Na carpa da feira editorial (Rúa da BD) volverán a repetirse, a iso das 18.30 horas, os obradoiros de máscaras que organizan as Bibliotecas Municipais. Presentaranse tamén publicacións, coma as realizadas polos alumnos da Escola galega de Cómic O Garaxe Hermético.
José Luís Munuera, autor que asina este ano o cartel de Viñetas 2018, é un dos autores españois que triunfan no mercado fracobelga. De feito, na actualidade é o encargado de darlle vida ao vílano por excelencia da serie de Spirou, o mítico Zorglub, unha das personaxes máis carismáticas da historieta francesa. Leva tamén a súa firma a serie Os Campbell, as entretidas aventuras dunha peculiar familia de piratas; o que vén ser un dos seus máis persoais e ambiciosos proxectos. Merlin, Sir Pyle S. Culape, Nävis, e varios álbums da serie Las aventuras de Spirou y Fantasio, unha das sagas máis icónicas do cómic francobelga, son tamén responsabilidade do debuxante murciano.
A carreira de David Rubín é meteórica. Viñetas desde o Atlántico foi testemuña. Desde os seus inicios como integrante fundamental do colectivo Polaqia, ata a súa nominación este ano para catro premios Eisner, os máximos galardóns do mundo do cómic. Coa súa primeira obra longa, El circo del desaliento, foi nomeado como autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona,en 2006; con Onde ninguén pode chegar, gañou o premio Castelao ese mesmo ano, e a súa novela gráfica La tetería del oso malayo alzouse co galardón ao autor revelación do Salón de Barcelona 2007; finalista asemade do I Premio Nacional de Cómic. Desde entón Rubín non parou. En 2016 realiza xunto a Marcos Prior a novela gráfica Gran Hotel Abismo á vez que se embarca en Ether, a súa terceira incursión no mercado americano, agora xunto a Matt Kindt. Na actualidade está debuxando o tomo 2 e a serie Rumble, recentemente publicada no noso país. Por riba, segue traballando en varios episodios da serie Black Hammer.
De debuxar e editar os seus propios fanzines, a arquitecta e debuxante galega Emma Ríos pasou a traballar para o mercado americano. Participou en series de Marvel como Runaways, Dr. Estraño, Firestar, The Amazing Spider-Man, Osborn, Heralds ou Capitain Marvel. Desta etapa destacan especialmente o segundo volume de Estraño, Doctor Estraño. Primeira tempada, a reinterpretación da orixe deste mesmo personaxe que fixo xunto ao guionista Greg Pak e, sobre todo, os seis primeiros números do volume VI de Captain Marvel, titulado no noso país Capitana Marvel. Anhelando volar, guionizados por Kelly Sue DeConnick. Ríos chegaría a ter unha grande amizade con esa guionista, o que a levaría, en última instancia, a abandonar a famosa editorial para poder crear os seus propios proxectos. Primeiro foi Bella Muerte, con guión da citada DeConnick, nomeada a varios Eisner en 2014 e que gañou en 2015 o Premio á Mellor Obra Internacional no festival Expocómic. A súa seguinte obra sería I. D., que foi igualmente nomeada á mellor antoloxía nos premios Eisner de 2017. O seu traballo máis recente é un guión xunto á debuxante Hwei Lim, autora para a que xa escribiu Mirror.
A exposición de José Luís Munuera está na Sala Municipal de Palexco, e as de David Rubín e Emma Ríos, no Kiosco Alfonso. O horario de apertura é de 12 h a 14 h e de 18 h a 22 horas.
Rúa da BD
Este sábado sucederanse as presentacións na carpa da feira editorial (Rúa da BD). Ás 12 horas Mais futvol por fabor, con Manel Cráneo e Leandro Barea. A partir das 13 horas, TAM de Anémona de Río, Premio Fin de Curso 2017 da Escola O Garaxe Hermético, e a novela gráfica colectiva O Picoto do Pai, realizada tamén por alumnos do Curso Profesional de BD desa escola galega. En ambos casos a presentación correrá a cargo deKiko da Silva, quen, ás 18.30 horas, presentará o primeiro número da revista trimestral de BD A viñeta de Schrödinger.