Outra das innovacións que traerá a edición número vinte do Viñetas desde o Atlántico será a programación dun espectáculo audiovisual co cómic como protagonista. Trátase do “Black Dog, the dreams of Paul Nash” de Dave McKean, unha sesión de música en vivo con proxección das imaxes que ilustran a novela gráfica que publicou McKean ao redor do británico Paul Nash, un dos nomes claves no nacemento dos movementos modernista e surrealista. Terá lugar o propio día da inauguración, luns 7 de agosto, na Fundación Barrié, unha das novas sedes desta edición.

O acceso ao espectáculo será mediante invitación. Darémosvos máis detalles sobre o proceso para acceder ao espectáculo en canto sexa posible, a través das canles oficiais de Viñetas desde o Atlántico.

Mesmo así, as ilustracións que compoñen a obra do polifacético McKean inspirada en Nash, si se poderán visitar durante todo Viñetas, no Kiosco Alfonso.