• Será, como estes dous últimos días, no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do Festival
  • Na carpa da Rúa da BD, pola mañá, haberá dúas presentacións, a de Grafito Editorial e a da publicación Licor Café, de Demo Editorial.
  • Proseguen as propostas para tódolos públicos na Rúa da BD como os obradoiros para os máis cativos de Funcomic ou os que dirixe cada tarde o debuxante Xosé Tomás

A Coruña, 9 de agosto de 2017. A axenda de charlas de Viñetas desde o Atlántico para mañá xoves inclúe a intervención de catro das persoas convidadas a esta vixésima edición do Salón Internacional coruñés, que promove a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento. Departirán co público Natacha Bustos, debuxante entre outras obras de Spider Woman, Moon Girl y Dinosaurio Diabólico; Rayco Pulido, autor de Nela, a tradución a historieta da novela de Benito Pérez Galdós Marianela; Javi Rey, que firma a adaptación ao cómic da novela Intemperie, do escritor Jesús Carrasco e o debuxante, pintor, deseñador gráfico, fotógrafo, cineasta e músico británico Dave McKean (Sandman, Batman: Asilo Arkham y Cages), todo un referente do cómic internacional. Bustos, Pulido e Rey faráno entre as 18.30 e 19.30 horas e McKean a continuación.

Na Rúa da BD proseguen tamén as actividades. Dende as once da mañá haberá un novo obradoiro de chapas para nenos desenrolado pola Asociación Funcomic. E ao longo da maña sucederanse presentacións como a de Grafito Editorial e a da publicación Licor Café, de Demo Editorial. Pola tarde será o tempo dos obradoiros para cativos e cativas que dirixe Xosé Tomás.

Natacha Bustos debutou como historietista no 2011 poñendo o seu talento e debuxo ao servizo dun guión asinado por Francisco Sánchez e que daría como resultado a obra Chernóbil: la zona. Trátase dunha novela gráfica que rende homenaxe ás vítimas da catástrofe nuclear de Ucraína e que chegou a ser publicada en países como Corea, Xapón e Francia, ademais de España. Este traballo lle valeu o Premio Tournessol do Festival de Angoulême 2012.

No ano 2015 produciuse o seu debut no mercado francés, coincidindo coa publicación da cuarta entrega da serie futurista Lolita HR. Un proxecto ao que chegou por recomendación de Javier Rodríguez, debuxante dos tomos previos. A súa primeira incursión nos Estados Unidos chegaría co número 3 de Strange Sports Stories, con guión de Brandon Montclare. Posteriormente traballaría no número 10 da serie regular de Spider Woman.

Grazas á visibilidade que estes traballos lle proporcionaron no mercado americano, axiña se convertería na artista escollida para tomar as rendas de Moon Girl y Dinosaurio Diabólico, formando equipo creativo xunto á colorista Tamra Bonvillain e os guionistas Brandon Montclare e Amy Reeder, nunha atrevida aposta da editorial Marvel por reinventar dous dos personaxes máis estranos creados polo mestre Jack Kirby. Nesta ocasión vístense ca pel dunha moza superdotada que quere cambiar o mundo e dun tiranosaurio vermello, cuxas aventuras están causando verdadeiro furor e ampliando as filas de lectores de cómic sen restricións de idade ou xénero.

Rayco Pulido, irmán do tamén historietista Javier Pulido, iniciou a súa carreira alternando a presenza en exposicións colectivas de debuxo e gravado con concursos de cómic. A súa primeira novela gráfica foi Final feliz, con guión de Hernán Migoya. Mais non sería ata o 2011 cando debuta como autor completo coa obra Sin título: 2008-2011, unha metaficción na que combinaba foto-realidade co seu persoal estilo gráfico.

O seu seguinte traballo, titulado Nela, afronta a adaptación á linguaxe da historieta de Marianela, a novela curta de Benito Pérez Galdós. Un traballo co que unha vez máis mostra a capacidade para renovar o seu grafismo e a súa narrativa.

Grazas a unha bolsa/residencia convocada por Acción Cultural Española (AC/E) e a Cité internationale de la bande dessinée et de l’image, consistente nunha estadía na Maison des Auteurs (Angoulême), no 2016 logra culminar o seu traballo máis recente, Lamia. Trátase dunha obra coa que rende homenaxe ao xénero negro máis xenuíno e a escritores como Jim Thompson ou González Ledesma. Presenta aquí un inquietante relato de asasinos en serie, intelixentemente construído, onde realidade histórica e ficción policial funden nunha Barcelona de posguerra en branco e negro.

Durante o pasado mes de abril, a revista El País Semanal publicou a súa primeira incursión no cómic-reportaxe: La herencia de Franco, historieta de 10 páxinas desenvolvida xunto ao xornalista Xosé Hermida na que debuxan “a parte máis suculenta dos negocios da familia Franco”.

Javi Rey comezou a súa actividade profesional no mundo da animación independente traballando como debuxante de preprodución. Tamén traballou como ilustrador de libros de texto para a editora Digital Text; ou como storyboarder para diversas axencias de publicidade. A súa oportunidade definitiva chega durante o Salón del Cómic de Barcelona do ano 2011, por mor dunha cita cun editor francés que lle abriu a posibilidade de converterse no debuxante de ¡Adelante! sobre un guión de Frank Giroud. A acción transcorre durante a guerra da independencia española, coa loita de clases como pano de fondo e un intrépido bandoleiro no rol protagonista. A súa segunda obra de longa duración, Un maillot pour l’Algérie, aborda a historia da creación do primeiro equipo nacional de fútbol alxerino durante a guerra franco-alxerina, guionizado para a ocasión por Kris e Bertrand Gallic.

O seu traballo máis recente é a adaptación ao cómic da novela Intemperie (Planeta Cómic), do escritor Jesús Carrasco, un proxecto polo que Javi Rey recibiu o premio autor revelación do Salón Internacional del Cómic de Barcelona de este ano.

Dave McKean é unha das voces creativas máis destacadas do Reino Unido. Este debuxante, pintor, deseñador gráfico, fotógrafo, cineasta e músico deixou unha pegada indeleble no mundo do cómic, sendo a súa gran carta de presentación Casos violentos (publicada orixinalmente en 1987), novela gráfica galardoada co Premio Eagle e primeira das súas múltiples colaboracións co guionista Neil Gaiman.

O equipo creativo non tardou en desembarcar no selo Vértigo, de DC Comics, da man da editora Karen Berger. Tras desenvolver a miniserie Orquídea negra e serializar Señal y ruido en 1989 na revista británica The Face, embarcáronse en Sandman (1989-1996), mítica colección para a que McKean exerceu como portadista regular, ademais de debuxar diferentes historias curtas ambientadas no devandito universo onírico. O impacto do traballo de McKean foi espectacular: alzouse co World Fantasy Award de 1991 ao mellor artista, gañou o Premio Eisner 1993 ao mellor deseño de publicación e marcou tendencia no selo Vértigo. O seu recoñecemento masivo non se limitou á colección protagonizada por Morfeo: o mesmo ano en que emprendeu a dita aventura publicouse o orixinal de Batman: Asilo Arkham, escrito por Grant Morrison, que acabou converténdose nunha das novelas gráficas con máis éxito da historia.

Entre 1990 e 1996, McKean decidiu centrar boa parte dos seus esforzos nunha ambiciosa obra de creación propia: Cages, novela gráfica merecedora dos premios Harvey, Ignatz, Eisner e Alph-Art. Todo un punto de inflexión na súa carreira profesional, xa que a partir de entón apañouse para reservar tempo e espazo na súa apertada axenda para desenvolver proxectos persoais: Pictures That Tick (2000, 2014) o libro mudo de corte erótico Celluloid (2011), diferentes sketchbooks publicados a modo de cadernos de viaxe e coleccións de postais. Ademais, desenvolveu xunto a David Almond El salvaje (2008), Slog’s Dad (2010) e Mouse Bird Snake Wolf (2013); colaborou con Richard Dawkins no libro infantil de divulgación científica The Magic of Reality (2011); ilustrou obras de Ray Bradbury como The Homecoming (2006) e Skeletons (2008); e traballou á beira de Heston Blumenthal en The Fat Duck Cookbook (2008), mestura de libro de receitas, autobiografía e explicación do método de traballo do popular cociñeiro británico.

Na súa bibliografía segue ocupando un lugar moi especial cada reencontro creativo con Neil Gaiman. Alén da distante La trágica comedia o cómica tragedia de Mr. Punch (publicada orixinalmente en 1994), durante os últimos anos destacaron os libros infantís El día que cambié a mi padre por dos peces de colores (2002), Los lobos de la pared (2004) e Caballo loco (2010), así como portadas e ilustracións das novelas Coraline (2003), El libro del cementerio (2009) e Sandman: Obertura, precuela do mítico cómic, na que comparte tarefas de portadista co debuxante J.H. Williams III.

Ainda que ao longo da súa carreira McKean deu constantes mostras de versatilidade, emprendendo proxectos cinematográficos —MirrorMask, The Gospel of Us, Luna— e recibindo encargas de ilustración das firmas máis prestixiosas, continúa explorando os límites da novena arte a través de obras como a novela gráfica Black Dog: The Dreams of Paul Nash, un dos seus proxectos máis recentes, baseado na vida do pintor surrealista británico.