Os autores convidados da XXII edición cumprirán este 8 de agosto coa tradicióndo Festival deiren visitar Santiago de Compostela
O FERROLÁN ABEL ALVES SERÁ MAÑÁ, XOVES, O GRAN PROTAGONISTA DOS ENCONTROS COS AFECCIONADOS DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO

A charla do galego celebrarase no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival Internacional do Cómic. Alves falará do seu traballo a partir das 19.30 horas
- Abel Alves é o autor de “A tumba de Breogán”, unha novela gráfica ambientada en 1870 na cidade da Coruña. Ten como punto de partida as reformas que se realizaron daquela na Torre de Hércules. Pondal, Murguía ou Emilia Pardo Bazán son personaxes históricos que aparecen no conto, que está debuxada por Esteban Tolj
- Na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, continúa o obradoiro Aprende a debuxar cómic da man de Planeta Cómic que imparte Jano
A Coruña, 7 de agosto de 2019.- Os autores convidados da XXII edición do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico cumprirán mañá xoves cunha das tradicións do Festival, visitaren Santiago de Compostela. Pasarán o día na capital de Galicia coñecendo a catedral e outros lugares emblemáticos da cidade. O desprazamento ata Compostela fai programar o encontro diario cos afeccionados ás 19.30 horas e estará protagonizado polo debuxante e guionista galego Abel Alves. A parolada e o coloquio co autor de Segunda Venida será, coma sempre, no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival coruñés.
Rúa da BD
Na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, continúa o taller Aprende a debuxar cómic da man de Planeta Cómicque imparte o creador galego Jano. Esta actividade, dirixida ao público infantil e xuvenil, ten lugar todos os días, excepto o sábado, entre as 11 h e as 13,00 horas. Para participar é imprescindible inscribirse e mesmo antes das 11.30 h.
Abel Alves
O ferrolán Abel Alves traballou como humorista gráfico no diario Galicia Hoxe e participou en varios fanzines e revistas dixitais. Escribiu e debuxou a historieta Zombesse, como guionista, publicou a novela gráfica Sangre y sol, ambas en Uruguai. Tamén colaborou con diversas antoloxías da Asociación Uruguaia de Creadores de Historieta. O seu debut no noso país fíxoo coa obra Aram o Armenio, publicada en 2016 e debuxada por Majox. Conta a historia do xenocidio armenio levado a cabo polo Imperio Otomano. Un relato de hai un século pero dunha enorme vixencia hoxe en día.
A súa seguinte obra formula un xogo a cabalo entre a historia, as lendas e a tradición literaria galega. A tumba de Breogán, con debuxo de Esteban Tolj, está ambientada en 1870 na Coruña e ten como punto de partida as reformas que se realizaron daquela na Torre de Hércules. Trátase dunha ficción histórica con personaxes como Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía ou o bandoleiro Antón Dedo d´Ouro, que coinciden nesta perigosa aventura. No seu seguinte traballo Segunda Venida, Alvesdá un xiro de 180 graos e pasa á ficción de temática relixiosa, aínda que a relixión non sexa máis que o marco do relato. Debuxado por Juan Caminador, conta a historia de Evangelina, unha moza de 18 anos a quen lle gusta tocar a guitarra, fumar porros e quedar leriando coa súa amiga Susi en vez de ir ao instituto. Máis que a relixión, aínda que tamén, a obra explora a adolescencia, o sentimento de abandono por parte dun pai ao que nunca coñeceu, ou as dúbidas sobre a súa propia identidade sexual.
Actualmente Abel Alves prepara varios proxectos para o mercado español e estranxeiro.