Os rapaces dos 70 e dos 80 recordarano debuxando en vivo en programas infantís como Un globo, dos globos, tres globos, Dabadabadá ou Sabadabadá
O “HISTÓRICO” ILUSTRADOR JOSÉ RAMÓN SÁNCHEZ CONVERSARÁ MAÑÁ NO KIOSCO ALFONSO COS AFECCIONADOS DE VIÑETAS
A charla do autor dos emblemáticos carteis do PSOE de 1974 e 1979 e a novela gráfica Moby Dick será a partir das 19.30 horas, no salón de actos
-
Os autores invitados viaxarán mañá a Santiago, seguindo unha tradición de Viñetas, mentres que na carpa do Festival se sucederán as presentacións, coma a de “Os Lobos de Moeche”, conmemorativa do 550 aniversario das revoltas irmandiñas
Un dos referentes indiscutibles da ilustración en España, José Ramón Sánchez, será o protagonista este xoves das charlas en Viñetas desde o Atlántico. Sánchez conversará cos afeccionados a partir das 19.30 horas no salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do Festival promovido pola concellería de Culturas do Concello coruñés. Os autores convidados nesta XXI edición do Salón Internacional cumprirán tamén mañá cunha tradición: viaxar a Santiago de Compostela. Na carpa da feira editorial (Rúa da BD) terán lugar durante todo o día varias presentacións, entre elas, a da publicación Os lobos de Moeche, que conmemora o 550 aniversario das revoltas irmandiñas.
A maioría dos que eran rapaces na década dos 80 lembran a José Ramón Sánchez debuxando en vivo en programas infantís de televisión comoUn globo, dos globos, tres globos, Dabadabadá e Sabadabadá. Da súa autoría son asemade os emblemáticos carteis electorais do PSOE para as eleccións xerais de 1974 e de 1979; hoxe por hoxe, un clásico da ilustración española.
Sánchez, Premio Nacional de Ilustración en 2014, colaborou a principios dos oitenta en numerosos programas infantís coma Un globo, dos globos, tres globos, Sabadabadá, Dabadabadá ou El kiosco. Tamén levan a súa sinatura a longametraxe de debuxos animados El desván de la fantasía; as coleccións de contos 50 años de cine español ou Don Quijote de La Mancha e a de debuxos La gran aventura del cine. Ademais de continuar co seu labor como ilustrador, en 2017, xa cumpridos os 80 anos, descubre a riqueza da linguaxe da historieta cunha obra de gran beleza plástica, a adaptación da novela Moby Dick, de Herman Melville.
Os orixinais de José Ramón Sánchez están na sala de Exposicións do Palacio Municipal de María Pita. O horario de visitas é de 12 h a14 h e das 18 h ás 22 horas.
Continúan, doutra banda, as actividades na carpa do Festival. A partir da 13 horas serán as das publicacións Os lobos de Moeche, sobre as revoltas irmandiñas, e A Fraga Milmañas, con Carlos Amil e Manel Cráneo. Xa pola tarde, a partir das 20 horas, será a quenda da revista La Resistencia.