Ambos os dous autores teñen en común unha ampla traxectoria no mercado norteamericano
OS DEBUXANTES ANTONIO NAVARRO E JORGE COELHO ABREN MAÑÁ MARTES O CALENDARIO DE CHARLAS DO FESTIVAL CORUÑÉS DE CÓMIC VIÑETAS 2019
Os encontros dos artistas convidados cos afeccionados serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival Internacional do Cómic coruñés. Navarro falará do seu traballo a partir das 18.15 horas mentres Coelho o fará a partir das 19.30 horas
- O debuxante madrileño Antonio Navarro, da xeración que irrompeu nos oitenta na escena española da historieta, é un creador do máis polifacético, que toca desde a banda deseñada ata o cinema de animación. Traballou para editoriais tan dispares coma Marvel ou a xaponesa Kodansha
- Desde a súa primeira incursión no mercado estadounidense, o debuxante portugués Jorge Coelho traballou para as principais editorial de cómic daquel país, aínda que en ningún momento deixou de colaborar con publicacións lusas. Comparte con outros 17 artistas “O Estudo de Lisboa”, onde desenvolve a súa creatividade tanto para o mercado portugués como para os de Italia e EE UU
- Tamén mañá martes comezan as actividades paralelas na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, entre outras o obradoiro de debuxo para a rapazada, que este ano imparte o creador galego Jano

A Coruña, 5 de agosto de 2019.- Os debuxantes Antonio Navarro e Jorge Coelho abrirán mañá martes o calendario de charlas cos afeccionados do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que nesta XXII edición pretende achegar ao público a riqueza multifacética que presenta hoxe en día a Banda Deseñada. Navarro falará do seu traballo a partir das 18.15 horas. A súa intervención finalizará ás 19.45 h e, quince minutos despois, ás 19.30, será o autor portugués quen sentará a departir cos asistentes. O encontro cos debuxantes terá como escenario o salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival. Aínda que de xeracións distintas, ambos os dous debuxantes teñen en común unha importante traxectoria nos mercados europeos e, sobre todo, no estadounidense. A obra de Navarro e mais a de Coelho ocupan a Sala Municipal de Exposicións Palexco.
Rúa da BD
Tamén mañá martes principian as actividades paralelas na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, entre outras o que xa é un clásico do Festival, o obradoiro de debuxo para a rapazada. Nesta ocasión impartido polo creador galego Jano. Baixo o título Aprende a debuxar cómic da man de Planeta Cómic, o taller terá lugar cada día, menos o sábado, entre as 11 h e as 13.30 horas. Para participar é necesario inscribirse antes das 11.30 h. Xa pola tarde a oferta inclúe as presentacións de Troglo e Ditaa, nova proposta de Fonso Barreiro (FON) –a partir das 19 horas- e do número 10 da revista La Resistencia, ás 20 horas.
Cómpre lembrarmos que forman parte do programa de Viñetas outras mostras como ¡Mil raios!/Tesouros dun un tintinófilo (Pazo de María Pita), unha oportunidade para contemplar de preto máis de cen edicións en outras tantas linguas da personaxe máis famosa do cómic belga. Igualmente a mostra Pintas o dibujas, unha proposta de Acción Cultural Española que leva o cómic ás rúas (está emprazada na Dársena, fronte ás costas do Teatro Rosalía), un repaso á historia da arte coa banda deseñada como fío condutor. Por outra banda, na sala Salvador de Madariaga está a obra gañadora do Premio Castelao 2018, Canción para afundir flores no mar, de Oliver Añón Lema.
Antonio Navarro
O debuxante madrileño Antonio Navarro pertence á xeración de autores que irromperon a principios dos oitenta na escena española da historieta. É un creador tremendamente polifacético, que toca moitos paus artísticos. Ademais de banda deseñada, fai cinema, animación, deseño e publicidade. Debutou nas revistas Rambla e Rampla, ata recalar en Norma Editorial, onde publicou a súa primeira gran serie, Simone. Con ela obtivo o seu primeiro recoñecemento, o Premio do Diario de Avisos ao mellor debuxante realista, así como o nomeamento a autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona. Tamén lle abriu as portas do mercado francés (Les Mondes de Luz).
Dende aquela, Navarro colabora con editoriais tan dispares como a estadounidense Marvel, para a que realiza Kiss of Darkness, ou a non menos coñecida firma xaponesa Kodansha, para a que debuxa Syd Virtual Story. Na súa bibliografía figuran La leyenda de Ahua e El mar dulce, esta última con guión de Miguel Ángel Nieto, ambos os dous álbums de corte histórico, e asemade a serie de terror La galería de los horrores.
No sector da animación participou en series de televisión da produtora Hanna-Barbera (Lucky Lucke, Smurfs, Little rascals ou Paw paws), e para o cinema traballou na produtora Amblimation, de Steven Spielberg e nos estudos Disney (Hercules, Tarzan, Fantasia 2000 (no segmento Rhapsody in Blues) e The Emperor’ s New Groove). De 2001 a 2003 dirixiu a longametraxe Os Reis Meigos, para a produtora Animagic. No sector publicitario realizou storyboards e bocetismo para campañas de infinidade de marcas (CocaCola, Renfe, Pescanova ou Repsol).
O seu último traballo tardou unha década en ver a luz: Homónimos, editado por Norma Editorial en 2018. Trátase dun relato de relatos onde distintos personaxes que comparten un mesmo nome, o propio do autor, van relatando as súas vidas, amosando as infinitas posibilidades narrativas e estilísticas do Cómic.
Jorge Coelho
Os primeiros traballos do debuxante portugués Jorge Coelho foron no fanzine Vértigo cando aínda estudaba Artes Gráficas e Comunicación na Escola de Artes António Arroio. Logo realizou todo tipo de encargos relacionados co debuxo nas súas distintas facetas, desde participar na serie Angelitos de Animanostra ata facer ilustración publicitaria para Cafés Tofa ou Wall Street Institute. Tamén storyboards para axencias de publicidade como TBWA, Euro RSCG, Brandia, McCann, Partners e BBDO.
O salto a Estados Unidos chega da man de Forgetless, con guión de Nick Spencer, para a editorial Image. A publicación, en 2013, de Polarity, con guión de Max Bemis, acadou que os seus traballos para o mercado norteamericano se multiplicaran. Dende esa non parou de publicar para Marvel, DC, Image ou Boom! Studios. Para Boom! Studios realizou en 2018 Robocop: Citizen Arrest, unha miniserie de cinco números con guión de Brian Wood. O trazo do debuxante luso aparece en páxinas de Venom, Risco Suicida, Sleepy Hollow, Loki Axente de Asgard, Battleworld Siege, Spider- Gwen e Vengadores Indignados e The Haunted Mansion.
Aínda que o seu traballo para o mercado estadounidense é unha constante desde hai unha década, segue colaborando con publicacións lusas como Loverboy na Feira dás Vanessas. Actualmente comparte espazo con 17 artistas no “Estudo de Lisboa”, tamén coñecido como TLS, un centro de creatividade onde, ademais de publicar unha antoloxía de relatos xunto aos seus compañeiros, Coelho segue desenvolvendo diversos proxectos de cómic e ilustración para Portugal, Italia e os Estados Unidos.