Tamén mañá sábado terá lugar a segunda e última sesión de sinaturas dos autores invitados. Será entre as 12 h e as 13.30 horas.
OS DEBUXANTES DAVID SALA E ALBERT MONTEYS PECHARÁN MAÑÁ AS CHARLAS DE VIÑETAS 2019

Os encontros serán no salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), sede central do Festival Internacional do Cómic coruñés. Sala departirá co público a partir das 18.15 horas e Albert Monteys, a partir das 19.30 h
- O debuxante francés David Sala é o autor da coñecida adaptación a cómic de “El jugador de ajedrez”, a última obra do austríaco Stefan Zweig; unha adaptación que foi todo un éxito en 2017, tanto no seu país como a versión en castelán. Trátase dunha crítica ao réxime nazi cun argumento claramente xadrecístico
- Albert Monteys é un laureado debuxante cuxa carreira profesional está moi ligada ao semanario El Jueves, do que foi director, ata que, xunto con outros debuxantes da publicación, a abandonou por mor da prohibición de RBO de facer unha portada referente á abdicación do rei Juan Carlos I
- Na carpa da feira editorial, Rúa da BD presentarase mañá as obras ¡Houston, tenéis un problema!, do xornalista e humorista galego Juan López Rico, O tempo cronolóxico, de Xulia Vicente e a novela gráfica Tanta Paz leves, de Tomás Guerrero
A Coruña, 9 de agosto de 2019.- Os debuxantes David Sala e Albert Monteys pecharán mañá sábado o calendario de charlas cos afeccionado de Viñetas desde o Atlántico, que se clausura este domingo. Sala intervirá a partir das 18.15 horas e o autor barcelonés, de 19.30 h en adiante. Será no lugar habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso (última planta), a sede central do Festival. A obra de Sala pode verse no Kiosco Alfonso e a de Monteys, na Sala Municipal de Exposicións Palexco.
Tamén mañá sábado pola mañá terá lugar a segunda e última sesión de sinaturas dos autores convidados desta XXII edición. Serán na planta baixa do Kiosco Alfonso, entre as 12 h e as 13.30 horas.
Humor e ecoloxismo, na Rúa da BD
Outra cita de mañá sábado na carpa da Feira Editorial, a Rúa da BD, é a presentación de ¡Houston, tenéis un problema!, obra do xornalista e humorista galego Juan López Rico, unha chamada de atención sobre o deterioro medioambiental e a perentoria necesidade de reaccionar contra o cambio climático. A presentación terá lugar ás 18.45 h e contará coa presencia do prologuista do libro, o periodista ambiental Arturo Larena. O libro está editado por Silsania Books.
A oferta da Feira inclúe, ás 12 horas, a presentación de O Garaxe Hermético e, ás 13 h, a presentación oficial e sinatura da novela gráfica Tanta paz leves, de Tomás Guerrero. Despois, xa ás 18 horas, O tempo cronolóxico, de Xulia Vicente.
David Sala
O debuxante francés David Sala é o autor da adaptación a cómic de El jugador de Ajedrez, a famosa última obra do escritor austríaco Stefan Zweig; unha adaptación que foi todo un éxito editorial en 2017, tanto no seu país como da tradución ao castelán. A obra literaria, escrita en 1941, un ano antes de que Zweig e a súa muller se suicidasen en Brasil, é unha contundente crítica ao réxime nazi cun argumento claramente xadrecístico. Moi fiel á obra literaria, David Sala optou por cargar as tintas sobre o visual, recorrendo á acuarela e a unha composición sen case que palabras, pero que capta con gran audacia todo o que transmite o texto de Zweig. Ao cabo, unha posta en escena que confire á novela gráfica do debuxante galo unha entidade propia, máis aló da obra literaria que a inspirou.
Sala estudou na prestixiosa escola Émile Cohl e comezou traballando na ilustración de cubertas para libros infantís e xuvenís. Só máis tarde se viu atraído polo mundo da banda deseñada. Debutou, con guións de Jorge Zentner, en Replay. Posteriormente, e tamén con guións de Zentner, realizou baixo o título de La diosaa serie Nicolás Eymerich, Inquisidor, unha adaptación en dous volumes das novelas de Valerio Evangelisti. Estreouse como autor en solitario con One of Us, inédito en España, un conto de ciencia ficción que critica a sociedade de consumo e o capitalismo creado nos anos da crise económica. Antes de El jugador de Ajedrez Sala publicou Cauchemar dans la rue (Pesadelos na rúa), unha adaptación da novela homónima de Robin Cook tamén inédita no noso país.
Albert Monteys
Albert Monteys leva facendo cómic dende que ten uso de razón. Na súa carreira ganou, entre outros, o Premio do Saló do Cómic de Barcelona 1994 ao Mellor Fanzine por Mondo Lirondo e ao Autor Revelación en 1996 por Calavera Lunar. Foi candidato aos Premios Eisner 2017 ao Mellor Cómic Dixital por ¡Universo!.
En 2004 chega a El Jueves, revista para a que realiza as series Tato e ¡Para ti, que eres joven!, esta última con Manel Fontdevila. Foi o seu director dende 2006 ata principios de 2011. Tivo que afrontar en 2007 o secuestro e posterior condena do semanario por un delito de inxurias ao –daquela- Príncipe Herdeiro.
Deixou El Jueves en 2014, tras de que a editorial RBA non permitise a publicación dunha portada na que se facía referencia á abdicación do rei Juan Carlos I. Acompañáronlle outros debuxantes, como Manel Fontdevila, Paco Alcázar e Bernardo Vergara. Xuntos emprenderon unha nova aventura editorial autoxestionada e dixital: a revista Orgullo y satisfacción, que en principio naceu como número único, pero que, diante da excelente acollida que acadou, decidiron converter nunha publicación dixital mensual. Desaparecía a finais de 2017.
Actualmente, Monteys está enleado en multitude de proxectos, entre eles, a serie dixital ¡Universo!,nomeada en 2017 aos Premios Eisner na categoría de mellor cómic dixital e cuxa versión en papel gañou o Premio Zona Cómic e o Premio Cómic Barcelona á mellor obra dun autor nacional publicada en 2018.