A primeira sesión de firmas dos autores invitados desta XXI edición do Festival de Cómic coruñés será entre as 18 h e as 20 horas

OS DEBUXANTES XOSÉ TOMÁS E ÁNGEL DE LA CALLE CHARLARÁN MAÑÁ VENRES COS AFECCIONADOS

A charla de Tomás será a partir das 18.15 h e a de Ángel de la Calle, ás 19.30 h. Ambas as dúas, no salón de actos do Kiosco Alfonso

  • Na carpa da feira editorial (Rúa da BD) haberá, entre as 18.30 h e as 19.30 h, un obradoiro infantil de elaboración de máscaras organizado polas Bibliotecas Municipais que volverá a repetirse o sábado nese mesmo horario. Mañá tamén se presentará o fanzine “Nai dos desterrados nº 2”, no que colabora Amnistía Internacional (19.30 h).

 

O debuxante galego Xosé Tomás e mais o asturiano Ángel de la Calle departirán mañá cos afeccionados dentro do calendario de charlas de Viñetas desde o Atlántico. Tomás, a partir das 18.15 horas e, deseguido, ás 19,30 h, De la Calle. Será, coma sempre, na última planta do Kiosco Alfonso, a sede central do Festival de Cómic que promove o Concello coruñés. Nese mesmo lugar, pero na planta baixa, celebrarase mañá unha das propostas máis esperadas, a primeira sesión de firmas cos autores invitados. A sesión desenvolverase entre as 18 e as 20 horas.

Na carpa da feira editorial (Rúa da BD) terán lugar varias presentacións. por exemplo, a da publicación Nai dos desterrados nº 2, na que colabora Amnistía Internacional. Igualmente, a partir das 18.30 horas, haberá un obradoiro infantil de elaboración de máscaras organizado polas Bibliotecas Municipais.

Xosé Tomás é Ilustrador, humorista gráfico e profesor. Publica acotío unha viñeta cómica en La Voz de Galicia, e fai humor gráfico para as publicacións Tempos Novos e Revista Galega de Educación. O groso da súa obra sitúase na ilustración infantil e xuvenil, eido no que traballou para editoriais como Xerais, Edebé, Baía, Galaxia, Parramón, Bromera ou Planeta. Dos máis de 30 libros que ilustrou, destaca a serie Rodribico, con textos de Manuel Guisande. Outras das súas obras son Tolos, que fixo para a Universidade coruñesa; Compañeiros. Homenaxe ás vítimas do Portiño, un encargo da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña; e mais Proxecto Terra, para o Colexio de Arquitectos de Galicia. Tamén foi un dos autores habituais da revista de cómic Golfiño.

Ángel de la Calle publicou historias desde mediados dos 70 en emblemáticas revistas como Star, Bésame Mucho, Rambla e Rampa-Rambla, Zona 84 e Comix Internacional. Modotti una mujer del siglo vente, a biografía desa fotógrafa e activista política, supuxo un punto de inflexión na súa obra. Publicada en multitude de países, está considerada unha das novelas gráficas de referencia da moderna historieta española. O seu último traballo, Pinturas de Guerra, alzouse co premio á Mellor Obra no último Saló do Cómic de Barcelona. Ademais de historietista, Ángel de la Calle é responsable das actividades de cómic da Semana Negra de Xixón, da que é organizador desde os seus inicios en 1987. Creou, en 1996, as Xornadas Internacionais do Cómic Vila de Avilés, das que é co-director.

A exposición do traballo de Ángel de la Calle é no Kiosco Alfonso, e a de Xosé Tomás, na Sala Municipal de Palexco. O horario de visitas nas dúas salas é de 12 h a14 h e de 18 h a 22 horas.

Mañá, día 10, pola mañá, desenvolveranse varias presentacións na carpa do Festival: Gol, ás 12 horas, e O tesouro de Lucio. Vida de Lucio Urtubia, que contarán coa presenza, respectivamente, de Toko e Mikel Santos “Belatz”.