• Os encontros cos autores serán no escenario habitual, o salón de actos do Kiosco Alfonso, sede central do Festival
  • Os dous debuxantes forman parte do elenco de persoas convidadas da vixésima edición do Salón Internacional coruñés
  • Tamén mañá comezan as actividades paralelas na carpa da Rúa da BD, entre elas, os obradoiros para cativos que dirixe de novo o debuxante galego Xosé Tomás 
  • Lembrar que este ano, por primeira vez, visitar as exposición de Viñetas ten premio. As 500 primeiras persoas que presenten o programa de man do Festival co selo de ter visitadas as mostras das seis salas obterán de balde o catálogo conmemorativo da edición

A Coruña, 7 de agosto de 2017. O debuxante francés, Raplh Meyer, un dos nomes imprescindibles do cómic europeo, e o galego Kiko da Silva, creador da escola de cómic e ilustración de Galicia O Garaxe Hermético, serán os encargados de abrir mañá o calendario de charlas da vixésima edición de Viñetas desde o Atlántico, que se inaugura esta tarde na Coruña. Ambos convidados departirán coa cidadanía e contestarán ás preguntas do público no salón de actos do Kiosco Alfonso. Meyer farao a partir de as 18.30 horas e a intervención de Kiko da Silva comezará ás 19.45. A obra destes dous autores convidados colga nas paredes do Kiosco Alfonso, sede central do Festival, promovido pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento coruñesa.

A xornada de mañá martes ten outras citas. Comezan tamén as actividades na carpa da feira editorial (Rúa da BD) que como en anos anteriores desprégase nos Xardíns de Méndez Núñez. A primeira proposta neste escenario é un taller de Chapas de Asociación FunCómic, a partir das 12 horas. As 13 horas, presentarase os libros de Félix Carreira 850 Aniversario y Lágrimas de Neón. No mesmo lugar, xa pola tarde, Carreira firmará exemplares no stand de Kikomic (20 horas) e darán comezo os obradoiros para cativos e cativas de distintas idades que dirixe un ano máis o debuxante galego Xosé Tomás.

Por vez primeira o folleto informativo do Festival incluirá un apartado especial deseñado para reunir o selo da visita a seis das exposicións do Salón. As primeiras 500 persoas que se acheguen até a caseta de información da Rúa da BD co documento selado na súa totalidade recibirán o catálogo conmemorativo deste 2017, ano no que Viñetas cumpre o seu 20 aniversario. O documento conterá un apartado especial con seis espazos  nos que a veciñanza poderá certificar, coa axuda do persoal das salas, a súa visita: o Kiosco Alfonso, o Pazo Municipal de María Pita, a Sala Municipal de Exposicións Palexco, a Casa de Cultura Salvador de Madariaga, a Sala AFundación e a Fundación Barrié; espazos nos que, precisamente, este folleto estará á disposición do público. Unha vez teña completo o documento acreditativo, a cidadanía poderá achegarse até a caseta de Información para obter o catálogo.

O debuxante de Undertaker

Raplh Meyer, que actualmente vive en Barcelona, é o debuxante de Undertaker (O enterrador), unha lúgubre e trepidante balada que nos devolve á senda do máis xenuíno western. A obra é froito do dúo que protagoniza co tamén francés Xavier Dorison, autor do guión, e co que xa publicou en 2012 o díptico Asgard, un relato co que nos mergulla nas paisaxes e mitoloxía nórdicos. Tamén asinaron xuntos con anterioridade o best-seller XIII Mystery, que lle valería a honra de alzarse co premio Saint Michel ao mellor debuxante, un recoñecemento que outorga anualmente a cidade de Bruxelas no ámbito da historieta.

Dos lápis de Meyer saíron con anterioridade outras obras imprescindibles do cómic europeo como a triloxía Nana asesina e a celebrada obra de ciencia ficción IAN, que narra as aventuras dunha intelixencia artificial que habita baixo unha pel de humán e que supuxo, de feito, o despegue meteórico da súa carreira. No 2010 enfrontou un dos maiores retos artísticos, a obra Página negra, de Frank Giroud e Denis Lapière, onde o seu debuxo compartimentado en dúas metades supoñería un radical xiro no seu estilo gráfico.
Un clásico galego

O vigués Kiko da Silva é historietista, ilustrador e director editorial. Publicou o seu primeiro libro ilustrado con só 16 anos. A súa produción está ligada á ilustración infantil con títulos como A memoria das árbores, Moncho e a mancha, e Que contan as ovellas para durmir.

En 2001 fundou xunto ao libreiro pontevedrés Cano Paz a revista BD Banda, que se converteu en 2005 na primeira revista en lingua galega en recibir o Premio do Xurado do Salón Internacional de Cómic de Barcelona. En 2007 lanza a primeira revista satírica en galego, Retranca, unha das publicacións humorísticas máis lonxevas, polémicas e vendidas de Galicia, que chegaría a gañar o Premio do público do Salón Internacional de Cómic de Barcelona á mellor revista e o Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa de Galicia no ano 2010.

Entre os seus proxectos máis ambiciosos figura a creación en 2012 da primeira escola profesional de cómic e ilustración de Galicia, O Garaxe Hermético (Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa), con mestres profesionais galegos da talla de Fernando Igresias, Fernando Llor, Fran Bueno, Miguel Porto, Rodrigo Cota ou Miguelanxo Prado. A escola é hoxe un dos referentes formativos do cómic en España.

Da Silva encárgase, desde 2013, da sección de cómic de Oink!, a revista do Xabarín Club (Premio Ourense de Banda Deseñada á mellor iniciativa 2013). Tamén en 2014 alzouse co Premio de Banda Deseñada Castelao da Deputación da Coruña coa inusual obra O inferno do debuxante, editada en galego polo organismo provincial coruñés e en castelán pola editorial Dibbuks.