A banda deseñada galega toma Viñetas desde o Atlántico 2023 na súa derradeira fin de semana

A Coruña, 11 de agosto de 2023.- Viñetas desde o Atlántico afronta a súa recta final esta fin de semana, o sábado 12 e o domingo 13 de agosto, envorcada coa BD galega. A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle dúas mostras que dan boa conta do talento autóctono: a exposición ‘BD na Coruña, que bonita é! Banda deseñada creada desde A Coruña’, comisariada por Manel Cráneo, coas creacións de 26 autorías locais de referencia; e unha exposición coas pezas gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada: ‘O bico da serea’ -de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista- e ‘Contando estrelas’ -do noiés Francisco Pérez-. Precisamente, este sábado 12, ás 11.00h, terá lugar unha visita guiada á exposición do cómic ‘O bico da serea’, cos seus autores. Ao finalizar a visita, distribuiranse exemplares do traballo e haberá unha sesión de sinaturas cos artistas.

Paralelamente, tamén o sábado 12, ao longo de toda a xornada, de 12.00h a 01.00h, a Praza de San Andrés acollerá a celebración do festival de autoedición e BD Autobán, cun mercado, obradoiros, exposicións, catas, etc. O programa completo de Autobán pódese consultar na súa páxina web www.autoban.gal.

Ademais, no Kiosco Alfonso, ás 18.00h, terá lugar a mesa redonda sectorial ‘Situación actual da banda deseñada’: un encontro profesional para tratar a actualidade do sector e temas de interese como a situación do Libro Blanco del Cómic en España, elaborado polo Ministerio de Cultura. A actividade é de acceso libre, sen necesidade de inscrición previa. Na mesa, moderada por Neves Rodríguez, participarán Daniel Coronado (mánager de Omega Center), Ricardo Esteban (editor en Nuevo Nueve), Pedro F. Medina (editor en Fandogamia), Anabel Colazo (autora de BD), Uxía Larrosa (autora de BD), Sira González (Bibliotecas Municipais da Coruña) e Sanmi (responsable de Alita Cómics).

Para o público familiar, durante a fin de semana continuará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez (de 11.30 a 13.30h), espazo que tamén acollerá os obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (12.00, 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este sábado 12 asinarán as súas obras Martín Romero (Astiberri Ediciones, 12.30h), Paula Cheshire (Libraría Paz, 12.30h; e Fandogamia, 18.00h), Manel Cráneo e Brais Fierro (Demo Editorial, 18.30h), Miguel Fernández (Libraría Paz, 19.00h), Alberto Varela (Anaya, 19.00h); Santy Gutiérrez (Demo Editorial, 19.30h); e, ao longo da xornada, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial). Finalmente, o domingo 13, oilustrador e animador Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, firmará exemplares das súas obras na xornada de peche da Rúa da BD. A cita será ás 12.30h no expositor de Astiberri Ediciones.

O cinema de animación fai a sua aparición en Viñetas 2023 con Alberto Vázquez e co ciclo Órbita animada

Este venres, 10 de agosto, na súa quinta xornada, Viñetas desde o Atlántico 2023 aposta polo cinema de animación cunha dobre sesión do seu ciclo para público infantil, adolescente e adulto Órbita animada. O Teatro Colón acollerá as proxeccións dos filmes xaponeses The First Slam Dunk, o esperado e apaixonante relato sobre o mundo do básquet en clave anime do director Takehiko Inoue (12.00h), que ven de gañar o Premio Satoshi Kon da excelencia na animación, e a película de culto Akira 4K (17.00h), reeditada no ano do seu 35 aniversario. Ambos pases son de acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Por outra banda, Viñetas desde o Atlántico ofrece unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico do multipremiado creador Alberto Vázquez, coa mostra Alberto Vázquez: do cómic á animación, comisariada por Matilde Rodríguez, que se pode ver na Sala de Exposicións de PALEXCO ata o 10 de setembro. Vázquez é un destacado director de animación, ilustrador e debuxante de cómics nado na Coruña, que conta con catro Premios Goya no seu palmarés, polas curtas de animación Birdboy (2012) e Decorado (2017) e polas longametraxes de animación Psiconautas, los niños olvidados (2017) e Unicorn Wars (2023).

Alberto Vázquez: do cómic á animación ofrece unha coidada selección de pezas que desvelan o característico traballo iconoclasta do artista -protagonizado por animais antropomorfos- e as súas temáticas universais de ámbito social. O público poderá explorar o seu singular enfoque creativo a través dos orixinais dos seus cómics PsiconautasEl evangelio de JudasLa caza e algunhas historias curtas; e poderá mergullarse tamén nos seus procesos de animación grazas a layouts, deseños de personaxes, arte conceptual e orixinais dos seus storyboards, realizados a lapis e acuarela, que revelan os detalles que dan vida ás súas personaxes e narrativas.

Ademais, o festival de autoedición e BD da Coruña Autobán da o seu pistoletazo de saída este venres na sala Filomatic, co seu ‘Autobombo’ e o seu ‘Combate de debuxantes’.

Para o público familiar, durante a mañá (de 11.30 a 13.30h) estará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez, espazo que pola tarde acollerá dous novos obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (ás 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este venres 11 asinarán as súas obras Ánxel Carramal (Anaya), ás 18.00h; César Sebastián (Metrópolis Cómics A Coruña), ás 18.00h; Inés Vázquez (Demo Editorial), ás 18.30h; María Brenn (Libraría Paz), ás 19.00h; Óscar Losada e Xulia Pisón (Alita Cómics), ás 19.00h;  Santy Gutiérrez (Demo Editorial), ás 19.30h; e, ao longo da xornada, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial).