• Mañá, día 11, de 18 h a 20 h, terá lugar a tradicional sesión de sinaturas por parte dos autores e as autoras invitadas, pero, a diferenza doutras edicións, por primeira vez haberá firmas simultaneamente no Kiosco Alfonso e mais na sala Palexco
  • Afundación acolle este venres ás 18.30 horas a charla que ofrecerá o último galardoado polo Ministerio de Cultura español, Pablo Auladell. Ao seu remate, tomarán a palabra tamén esoutros seis convidados de honra do XX Salón: Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico e o asemade director do festival, Miguelanxo Prado

A Coruña, xoves 10 de agosto de 2017. Viñetas ofrece mañá venres, día 11, dúas citas ineludibles. Dunha banda, a primeira sesión de sinaturas por parte dos convidados e as convidadas a esta vixésima edición do Salón que organizou, como adoito, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento do Concello coruñés. Doutra, a posibilidade de parolar e intercambiar ideas e puntos de vista con sete nomes propios da novena arte, os galardoados cos Premios Nacionais de Cómic que outorga anualmente o Ministerio de Cultura español Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz-Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico, Pablo Auladell e, por suposto, o propio director do Salón Internacional, o único galego nese cadro de honra, Miguelanxo Prado.

A tradicional sesión de firmas, porén, vén este vinte aniversario cun aliciente. Por primeira vez na historia do Festival, a cita terá lugar asemade en dúas sedes de Viñetas. Os autores e as autoras asinarán orixinais e catálogos partillados entre o Kiosco Alfonso e mais a Sala Municipal de Exposicións Palexco. Ambas as dúas sesións, polo tanto, comezarán simultaneamente ás 18 horas e pecharán ás oito da tarde. Pero ata aí as melloras. Porque, igual que é costume, tamén o sábado, entre as 12 e as 14 horas, os invitados e invitadas al Salón disporanse de novo a achegarlles unha firma aos orixinais que lles poñan de diante os afeccionados e as afeccionadas.

Xa no que ás charlas se refire, o venres 11, a sala de conferencias d´Afundación pon ao dispor da veciñanza e mais os forasteiros e as forasteiras que visiten o Festival coruñés un luxo por partida dupla. De entrada, ás 18.30 horas, conversará co público que acuda a esa nova sede de Viñetas o último autor que obtivo o Premio Nacional, Pablo Auladell. Pero é que pouco máis tarde, ao redor das 19.45 horas, poderán parolar polo miúdo con nada menos que sete dos dez premios españois de banda deseñada concedidos ata o día de hoxe.

Outra sede acabada de incorporar a Viñetas, a Fundación Barrié, amosa “Dez anos de Premios Nacionais”, onde se poden contemplar páxinas das obras polas que foron premiados estes sete convidados e mais os tres autores ausentes. Son, en concreto, El Paraiso Perdido (2016) de Pablo Auladell; Las Meninas (2015) de Javier Olivares e Santiago García; Blacksad, Amarillo (2014) de Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales; Ardalén, (2013) de Miguelanxo Prado; Dublinés (2012) de Alfonso Zapico; Plaza Elíptica (2011) de Santiago Valenzuela; El arte de volar, (2010) de Antonio Altarriba e Kim; Las Serpientes Ciegas (2009) de Bartolomé Seguí e Felipe Hernández Cava; Arrugas (2008) de Paco Roca e Hechos, dichos, ocurrencias y andanzas de Bardín el superrrealista (2007) de Max.

Actividades na Rúa da BD

A Rúa da BD ten previsto tamén este venres un bo número de actividades, así como as súas propias sesións de sinaturas. As confirmadas son as de Miguel Brieva (18 h); os 3Pintamonas, isto é, Tirso Cons, Antonio Martínez Ron e David Cuence (18.30 h), e mais a de Fonso Barreiro (19 horas).

Antes, pola mañá, tanto ás 11 como ás 12 horas, Alita Cómics presenta na carpa da Rúa da BB Amnistía Internacional. Unha hora despois, ás 13 horas, Demo Editorial dará a coñecer o Tattoo de Santiago Paredes.

Dende as seis da tarde e ata as oito do serán, as Bibliotecas Municipais desenvolverán obradoiros na Rúa da BD. Levaranos a cabo en tres quendas, que comezarán ás 18 horas, ás 19 horas e a derradeira, ás 20 horas.