- Aínda que as actividades paralelas rematan hoxe domingo, as exposicións do XX Salón Internacional do Cómic poderanse visitar ata o 11 de setembro
- Miguelanxo Prado: “A vixésima edición foi, coma cómpre, unha celebración; unha festa de aniversario na que quixemos ter connosco a todos os que foron fundamentais para Viñetas nestas dúas décadas; os autores consagrados, galegos e de fóra”
- Unha mostra colectiva dos traballos do alumnado d’O Garaxe Hermético (12 horas, Rúa da BD), pon o punto final a sete días de charlas, conferencias, sinaturas e presentacións editoriais
A Coruña, domingo 13 de agosto de 2017. Viñetas 2017 é unha festa de aniversario. Unha celebración por todo o alto, non só dos vinte anos que cumpre o Salón Internacional do Cómic que promove o Concello da Coruña, senón da propia evolución que experimentou nestas dúas décadas a banda deseñada, a galega e a española. “Nestes vinte anos de Viñetas desde o Atlántico –explica Miguelanxo Prado, o seu director–, tivemos a sorte de asistir, e mesmo de participar no que cabe, na conquista da madurez por parte desta linguaxe universal que é o Cómic, igual que puidemos vivir a apertura de todas as vías posibles para o desenvolvemento das múltiples opcións creativas que a Banda Deseñada ofrece”. Aí está, como exemplo, o espectáculo audiovisual The Black Dog, os soños de Paul Nash que, a cargo do polifacético Dave McKean, abriu o luns 7 de agosto a programación de actos paralelos deste Salón.
“Viñetas ten conseguido establecer co público do Festival” –engade Miguelanxo Prado- “unha relación que vai alén desa nostalxia da infancia perdida que hai anos podía suscitar o cómic, o que sempre foi, xustamente, o noso obxectivo, logo razón de máis para estarmos de festa”.
O programa desta vixésima edición é, na opinión do seu máximo responsable, o exemplo perfecto desa maioría de idade acadada polo Cómic e, asemade, da súa evolución creativa. “As dúas exposición colectivas (A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas eDez anos de Premios Nacionais) son unha clara demostración da calidade e mais a importancia dos nosos creadores. Reflicten tamén cal foi o noso punto de partida á hora de estruturar os contidos desta vixésima edición do Festival: unha exaltación do que fomos conseguindo para a Historieta nestas dúas décadas”.
“Máis alá da excepcional programación que tivemos este ano co gallo de celebrar o vixésimo aniversario de Viñetas, estamos especialmente satisfeitos –remata Miguelanxo Prado– da incorporación ao Salón da Fundación Barrié e mais Afundación, así como da grande achega que fixeron, tanto a Concellaría de Cultura como a Deputación, para conseguirmos esa meta común que tiñamos todos: facer unha vez máis da Coruña o epicentro do Cómic, a súa cerna, durante estes sete días de agosto”.
Rúa da BD – exposicións
O XX Salón Internacional do Cómic pecha hoxe, domingo 13, a súa tradicional axenda de actividades paralelas. Unha presentación colectiva das obras do alumnado d’O Garaxe Hermético, a escola de cómic que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra, porá a mediodía o punto e final a esta semana de charlas, conferencias, sinaturas de orixinais e presentación de novidades editoriais.
A Rúa da BD, isto é, a feira editorial que se celebrou en paralelo ao propio Festival, tamén fecha esta noite as súas portas.
Porén, todas as exposicións que conforman a edición número vinte permanecerán ata o día 11 de setembro nas respectivas sedes do Salón. Poderán ser visitadas ata esa data no horario habitual.