O Salón Internacional do Cómic da Coruña, que alcanza neste agosto post covid a súa vixésimo cuarta edición, encherá a cidade de historias contadas en viñetas a toda cor

VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2021 ABRE O LUNS CUNHA ESCOLMA DE AUTORES NOVEIS E TAMÉN CONSAGRADOS QUE NOS ASOMAN Á REALIDADE DO CÓMIC MÁIS ACTUAL

Outro ano máis e xa van vinte catro. Viñetas desde o Atlántico inaugurarase este luns, 9 de agosto, ás sete da tarde. Teresa Valero, convidada do Salón, é a autora do cartel desta edición 2021. 

Das Pastoras é o artífice de que Hércules volva á cidade. Os orixinais do seu último traballo, “Hércules 1417” –con guión de Pedro Villora- dedicado ás fazañas dese mito tan vinculado a Coruña, estarán na Sala de Exposicións do Pazo Municipal. Outros invitados son Raúl Allen e Patricia Martín, que achegarán á cidadanía a súa exquisita adaptación de “Dune”. Xa os adictos aos súper heroes do universo Marvel teñen ao seu dispor a exposición de Pepe Larraz, mentres aqueles interesados na temática e os problemas sociais contarán co “Subnormal”, a obra coa que Fernando Llor e Miguel Porto mergullan na durísima realidade do bullying. 

Tamén veñen a Viñetas 2021 Núria Tamarit e a súa “Dos monedas” e Jaime Martín coa súa triloxía sobre a recente historia de España, en tanto Javier Olivares e Santiago García traen ao Kiosco Alfonso orixinais dos seus “Las  Meninas” e “La Cólera”. Tyto Alba, a través de quen os afeccionados contemplarán as vidas de Casagemas, Picasso, Fellini, Balthus ou  Whitman, é outro dos autores presentes.

O luns pola tarde abrirán as portas da 24 edición de Viñetas desde o Atlántico. Unha inauguración que chega entre un Salón Internacional do Cómic desenvolvido no medio dunha pandemia mundial (2020) e a edición que vai conmemorar o seu primeiro cuarto de século ás costas. Segundo o director de Viñetas, Miguelanxo Prado, “este é o salón da supervivencia positiva, o que discorrerá nunha fase próxima á normalización absoluta e o que nos permitirá asomar á celebración do noso 25 aniversario”. Por iso, á hora de deseñar o programa, decidiuse cubrir as áreas que de sempre deron forma a cada edición –súper heroes, temática social, obra de autor, charlas, feira da historieta…- e asemade convidar a certos autores e autoras, tanto noveis como consagrados, cuxos traballos expresan a realidade do mellor cómic nacional nestes tempos convulsos.

O cartel do XXIV Viñetas desde o Atlántico leva a sinatura de Teresa Valero, a autora que vén de impactar no público e mesmo no sector co seu último traballo, “Contrapaso”, nomeado aos Premios Eisner 2021. Os orixinais de “Contrapaso. Los hijos de los otros”, unha novela negra ambientada no Madrid dos anos 50, veranse no Kiosco Alfonso. Os afeccionados terán a oportunidade de contrastar opinións coa autora, que estará na Coruña. Tamén se celebrará a tradicional Feira da Historieta, o espazo de venda e intercambio que cada ano concentra nos Xardíns de Méndez Núñez ás principais librarías e editoriais especializadas.

Aínda que o Salón recupera este 2021 certa normalidade, o seu programa se vai seguir adaptando á realidade que as autoridades sanitarias determinen acotío. Así, as charlas, reunións e sesións de sinaturas cos creadores convidados terán lugar aplicando as medidas que sexan recomendadas.

O Kiosco Alfonso cede as súas paredes a un grupo de creadores cuxos orixinais van concitar o interese do público, Núria Tamarit, Tyto Alba, Teresa Valero e Javier Olivares e Santiago García. Os afeccionados mergullarán no universo de «Dos Monedas» de Tamarit; coñecerán o corpo e mais o alma cos que Das Pastoras dotou ao xigante Hércules; viaxarán ao Madrid dos anos 50 con Teresa Valero ou camiñarán da man de Picasso, Fellini, Balthus e Whitman grazas aos trazos de Tyto Alba. A visión do universo velazqueño e da historia de Aquiles que recompilan Javier Olivares e Santiago García nas súas obras «Las Meninas» (Premio Nacional de Cómic) e «La Cólera» son outras das propostas.

Palexco será parada imprescindible para os amantes dos grandes clásicos da literatura de ciencia ficción. A cita é con «Dune», a adaptación autorizada da inmortal novela de Frank Herbert que asinan Raúl Allen e Patricia Martín.

Non hai viñetas sen súper heroes. Este ano é a quenda de Marvel e as personaxes deseñadas por Pepe Larraz, quen revitalizou o universo dos mutantes con “House of X” e ademais está a piques de publicar o seu último proxecto, “X of Swords”.

A temática social está presente en Viñetas 2021. Igual que a memoria do que fomos. Fernando Llor (guión) e Miguel Porto (debuxos) amosarán en Palexco os orixinais da súa obra «Subnormal», que conta a historia do xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, vítima de acoso na súa infancia malia a súa envergadura física. Jaime Martín permitiranos percorrer a Guerra Civil, a posguerra e a transición sen saírmos do Palexco. Os visitantes terán ao seu dispor os orixinais que compoñen a triloxía autobiográfica que comezou a publicarse en 2014 con «Las guerras silenciosas» e «Nunca tendrán 20 años», e que pechou co máis novo «Siempre tendremos 20 años».

A Sala do Pazo Municipal dará cabida aos orixinais cos que Das Pastoras dá vida ás fazañas de Hércules, o mito tan estreitamente ligado á cidade. A Sala Salvador de Madariaga acollerá “Adeus amigos”, de Begoña García-Alén González e “As aventuras de Passer P. Malta”, de Andrés Magán Zamorano, Premios Castelao de Banda Deseñada 2020 da Deputación da Coruña.

Igual que ocorrera en anos anteriores, a Torre de Hércules será outro espazo expositivo do Salón. Ao cabo, a única condición que se impón aos autores que deseñan cada ano o cartel de Viñetas é que a súa achega inclúa o faro. Haberá, logo, a oportunidade de botar unha ollada aos 24 carteis do Salón coruñés.

Viñetas desde o Atlántico 2021 ofrecerá, asemade, presentacións editoriais, mentres o consolidado e pacífico exército de personaxes sairá de novo ás rúas.

Unha vez remate a semana grande do Salón, do 9 ao 15 de agosto, as exposicións continuarán abertas ao público ata o día 5 de setembro.