- Manel Cráneo coordina novamente a programación que durante dúas semanas achegará a nenos e a mozos o mundo da historieta e a ilustración, a través de diversos talleres e actividades paralelas
- Ampla presenza feminina nesta edición de Viñetas, a onde acudirán Ana Oncina, Mai Egurza, Raquel Córcoles (de Moderna de Pobo) e Ana Miralles
- Os afeccionados tamén poderán coñecer o proceso creativo doutros autores invitados, como Keko, Alfonso Zapico, López Cruces ou Martín Romero
Maiores de idade. Un momento oportuno para apostar polo cómic de vangarda feito por mulleres. «En dezaoito anos de Viñetas o sector cambiou. O público cambiou. O tipo de historias que se contan cambiou. Hai máis lectoras, hai máis autoras». Así resume o director do Salón Internacional do Cómic, Miguelanxo Prado, o punto de partida no que o equipo de Viñetas houbo de instalarse á hora de seleccionar os convidados. «Segundo iamos preparando o listado de creadores aos que tentar para que se achegasen este agosto á cidade para participar en Viñetas 2015 ían aparecendo máis nomes de autoras que de autores», conta Prado. «Hai unha variedade de propostas moi interesante que representa moi ben por onde se está a mover a realidade actual do sector». Para o director do Salón, a incorporación de artistas como Chloé Cruchaudet, Mai Egurza, Ana Miralles, Ana Oncina ou Raquel Córcoles ao sector, cunhas historias e unhas formas de relatar tan persoais, supuxo, ademais, a atracción dun público moi distinto ao que tradicionalmente se identifica co mundo da historieta.
Xunto a ese importante elenco feminino, acudirán a Viñetas autores como Keko, Alfonso Zapico, López Cruces ou Martín Romero, ao tempo que se poderá coñecer os derroteiros do cómic galego ao longo do pasado ano.
O CARTEL DO 2015, DE MONTSE MARTIN
O cartel anunciador de Viñetas 2015 é obra da creadora Montse Martín, invitada na edición precedente. A Feira da Historieta que se celebra paralelamente volverá ocupar o seu espazo orixinal. As casetas nas que as principais editoriais do sector mostrarán as súas últimas novidades instalaranse fronte ao Quiosco Alfonso (centro neurálxico do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico) e ao edificio da Terraza, nos Xardíns de Méndez Núñez.
.
INVITADOS A VIÑETAS 2015
A ilustradora francesa Chloé Cruchaudet deixou abraiada á crítica e público coa súa primeira obra en solitario. «Degenerado», título co que obtivo o Premio do Público no Festival de Angoulema e tamén o de ACBD (a crítica especializada gala). Difícil non os obter, ante o acerto tanto da historia elixida coma da fórmula para narrala. Baseada en feitos reais, conta a historia dunha parella en plena primeira guerra mundial na que o seu protagonista, tras desertar, vese conducido a travestirse de muller para poder seguir vivindo na súa clandestinidade parisiense.
Ana Miralles é outro dos nomes de muller claves na actualidade do comic español e pioneira na súa irrupción nun sector ata hai poucos anos eminentemente masculino. Comezou a súa andaina profesional a principios dos oitenta na revista Rambla, en pleno apoxeo do cómic para adultos en España e posteriormente noutras publicacións como Madriz, Cairo, Marca Acme e Vogue. O seu primeiro álbum, «O brillo dunha mirada», con guión de Emilio Ruiz, publicouse en 1990, unha obra de corte erótico e intimista. Miralles fíxose un nome no difícil mercado francés coa triloxía de corte fantástico «Eva Medusa», con guión de Antonio Segura, o que supuxo o seu recoñecemento internacional.
Outra das convidadas, Raquel Córcoles, está detrás de «Moderna de Pobo», o seu Alter Ego, un personaxe inventado para un concurso que se converteu nun fenómeno de masas en internet, con máis de 200.000 seguidores en facebook. A debuxante catalá acaba de publicar, con Carlos Carrero, o seu último cómic, «Cooltureta», unha obra na que disecciona con humor o mundo da cultura dos máis modernos. Ambos os dous acoden a Viñetas 2015.
Viñetas 2015 contará tamén coa presenza de Ana Oncina, autora de «Croqueta e Empanadilla», un cómic baseado en experiencias persoais coa súa parella que obtivo no Salón Internacional do Cómic de Barcelona o premio popular á mellor obra publicada no 2014.
«El paseo de los sueños» é a primeira obra de Mai Egurza, a ilustradora vasca autora dos debuxos do libro «Mi abuela no se acuerda de mi nombre» de Rodolfo Esteban. Na súa estrea como autora afronta unha fábula onírica con guión dun dos grandes do mundo do cómic, o guionista Zidrou. O seu estilo depurado, liñas suaves e trazo limpo fan difícil crer ao lector que está ante un primeiro traballo. Benoît Drousie (Zidrou), un dos convidados da pasada edición de Viñetas desde o Atlántico, é un reputado guionista de cómics nacido en Anderlecht (Bélxica), receptor dun bo número de premios e sen a menor dúbida un dos referentes do cómic internacional.
Outro dos nomes importantes neste Viñetas desde o Atlántico 2015 é Alfonso Zapico, Premio Nacional de Cómic en 2012 pola súa obra «Dublinés». Premio 2010 ao Mellor autor revelación no Salón do Cómic de Barcelona con «A guerra do profesor Bertenev», este asturiano protagoniza unha carreira meteórica, marcada polo compromiso social, histórico e cultural. Uns sinais de identidade que se reafirman na súa nova obra «A balada do norte». Trátase dunha recreación da Comuna de Asturias, unha folga mineira rexistrada en 1934.
O consagrado ilustrador Keko (José Antonio Godoy), autor dunha serie de historietas curtas con guion propio en «Nosotros Somos los Muertos» chega a Viñetas desde o Atlántico cos orixinais do cómic «Yo, asesino» con guión de Altarriba (convidado de Viñetas 2013). Con esta obra, na que mergullan na ambigüidade da moral humana, se converteron nos primeiros españois en recibir o Gran Premio ACBD da Crítica en Francia.
López Cruces representa moi ben o que significa o cómic de autor. Iniciou a súa traxectoria profesional en revistas como La Granada de papel, Madriz e Cairo. Merecedor, en 1991, do Premio ao Autor Revelación do Salón Internacional do Cómic de Barcelona polas recompilacións da súa obra anterior, continua publicando en revistas como Idiota y Diminuto, Dos Veces Breve ou Humo. Participou na ilustración do libro «Contos do Cabo de Gata» e en 2008 publicou os apuntamentos das súas viaxes polo mundo baixo o título «Por el camino yo me entretengo”
Outro convidado a Viñetas, o galego Martín Romero, é un dos ilustradores máis interesantes da actualidade, cun poderoso estilo que o distingue a simple vista e que o levou a triunfar en mercados tan esixentes como o francés. O seu último traballo, recentemente publicado en España, «Episodios lunares», recolle oito relatos gráficos relacionados coa lúa, os recordos de infancia e os mitos e lendas populares. Unha obra fascinante e hipnótica.
ENCUENTROS ENTRE PROFESIONAIS
Ademais das charlas destes convidados co seu público (sen dúbida ningunha un dos alicientes máis atractivos do Salón Internacional para todos os afeccionados) Viñetas programou novamente os chamados Encuentros Profesionais, una sorte de “masterclass”. Trátase dunha cita entre os autores consagrados e os creadores que están a dar os seus primeiros pasos no sector. Así, os debuxantes ou guionistas noveis poderán coñecer da man de Keko, Ana Miralles, Alfonso Zapico e Chloé Cruchaudet, as interioridades do mundo do cómic, os condicionantes comerciais, as esixencias editoriais, as fórmulas para publicar, isto é, todo o que vai máis alá do proceso puramente creativo.