Viñetas desde o Atlántico foi o marco elixido polos promotores do proxecto Estirpe para facer a súa presentación. Trátase dun proxecto de longametraxe, de xénero fantástico, que xunta as dúas paixóns do seu director, o coruñés Adrián López: o cine e o cómic. A presentación desta iniciativa, que puido facerse realidade grazas a unha campaña de crowdfunding, terá lugar mañá, mércores, na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, ás seis da tarde.
Estirpe narra a historia do cómic do mesmo título, publicado en 1969 e convertido nun clásico de culto. A trama contaranos como, 45 anos despois, unha produtora que quere adaptalo ao cine encarga unha avogada que localice o seu autor para conseguir os dereitos. Con tres niveis de narración entrecruzados, contaranos mediante flashbacks como se creou o cómic en 1969 e por que desapareceu o seu autor. Nun ton máis documental, as circunstancias da súa volta e a adaptación da súa obra. E por último, nun exercicio de metacine, fragmentos desta xa rodada, que nos dan máis pistas para completar o crebacabezas. No cómic Estirpe, os seus protagonistas, Ciclón e Mara, loitan contra un hipotético Cuarto Reich alemán que quere invadir o noso país aínda gobernado por Franco.
A longametraxe, producido por Iván L. Gimeno, conta con guión de Adrián López, David Bizarro, que xa tiña experiencia en formatos de longa duración (Maldito Bastardo!) e Daniel Val. Ao proxecto sumáronse os actores Sergio Peris-Mencheta, Silvia Alonso, Nacho Aldeguer e Borja Crespo entre outros. A banda sonora de Estirpe é autoría de Xoel López mentres que os debuxos de Estirpe son deXurxo G. Penalta e Alvaro Martínez.