“É unha honra poder engadir esta candea ao noso pastel de aniversario, que vai brillar dun xeito moi especial”, asegurou o seu director Miguelanxo Prado lembrando que o próximo ano o Salón Internacional do Cómic cumpre 25 anos de existencia
VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO, PREMIO DA CRÍTICA GALEGA 2021 NA MODALIDADE DE INICIATIVAS CIENTÍFICAS E CULTURAIS
Esta proposta cultural, co sostemento económico e a infraestructura do Concello da Coruña, cumpriu na súa andadura o seu obxectivo inicial, achegar a linguaxe creativa da banda deseñada á sociedade en xeral e dar visibilidade aos creadoras e creadores galegos emerxentes, primeiro, e consagrados, despois.
A piques de chegar ao 25 Aniversario, o Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico xa comeza a recibir agasallos. E este non é pouca cousa, pois acaban de outorgarlle o Premio da Crítica Galega 2021 na modalidade de Iniciativas Científicas y Culturais, promovido pola Fundación Premios da Crítica de Galicia, un referente no ámbito cultural da comunidade autónoma que leva elixindo aos protagonistas nese eido desde o ano 1978.
Desde a organización do Salón Internacional e nas palabras do seu director, o debuxante Miguelanxo Prado, destacan “a honra que é poder engadir esta candea ao noso pastel de aniversario, que vai brillar dun xeito moi especial. Agradecemos de corazón a súa escolla ao xurado que considerou a Viñetas desde o Atlántico merecedora do premio”.
Tal e como lembra Prado, “Viñetas desde o Atlántico” naceu hai vintecinco anos coa ambición de achegar a linguaxe creativa da banda deseñada á sociedade, en xeral, máis alá do público xa engaiolado, e dar visibilidade aos creadores e creadoras galegos emerxentes, primeiro, e consagrados, despois. “Contou, nestes vintecinco anos, co sostemento económico e a infraestructura do Concello da Coruña a través da súa Concellalía de Cultura, do que foi peza fundamental e indispensable en todo este tempo o equipo de organización de exposicións do Kiosco Alfonso”, engade.
Poñer Galicia no mapa mundial da banda deseñada
“Un dos nosos obxectivos irrenunciables foi sempre axudar, na medida das nosas posibilidades, a poñer a Galicia no mapa mundial da banda deseñada, facendo que durante sete días de agosto o noso festival sexa unha referencia ineludible e que os nosos artistas estean nese escaparate en pé de igualdade. Como galegos é un orgullo que esa nómina non deixe de medrar”, conclue Miguelanxo Prado.