Skip to main content

A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle dúas mostras no marco do 26º Salón Internacional do Cómic da Coruña: a exposición ‘BD na Coruña, que bonita é! Banda deseñada creada desde A Coruña’, comisariada por Manel Cráneo, coas creacións de 26 autorías locais de referencia; e unha exposición coas pezas gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada: ‘O bico da serea’ e ‘Contando estrelas’

Paralelamente, este sábado, 12 de agosto, ao longo de toda a xornada, de 12.00h a 01.00h, a Praza de San Andrés acolle a celebración do festival de autoedición e BD Autobán, cun mercado, obradoiros, exposicións, catas, etc.

O ilustrador e animador gañador de catro Goyas Alberto Vázquez firmará exemplares das súas obras na xornada de peche da Rúa da BD, este domingo, 13 de agosto, ás 12.30h, no expositor de Astiberri Ediciones

A Coruña, 11 de agosto de 2023.- Viñetas desde o Atlántico afronta a súa recta final esta fin de semana, o sábado 12 e o domingo 13 de agosto, envorcada coa BD galega. A Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga acolle dúas mostras que dan boa conta do talento autóctono: a exposición ‘BD na Coruña, que bonita é! Banda deseñada creada desde A Coruña’, comisariada por Manel Cráneo, coas creacións de 26 autorías locais de referencia; e unha exposición coas pezas gañadoras do XVII Premio Castelao de Banda Deseñada: ‘O bico da serea’ -de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista- e ‘Contando estrelas’ -do noiés Francisco Pérez-. Precisamente, este sábado 12, ás 11.00h, terá lugar unha visita guiada á exposición do cómic ‘O bico da serea’, cos seus autores. Ao finalizar a visita, distribuiranse exemplares do traballo e haberá unha sesión de sinaturas cos artistas.

Paralelamente, tamén o sábado 12, ao longo de toda a xornada, de 12.00h a 01.00h, a Praza de San Andrés acollerá a celebración do festival de autoedición e BD Autobán, cun mercado, obradoiros, exposicións, catas, etc. O programa completo de Autobán pódese consultar na súa páxina web www.autoban.gal.

Ademais, no Kiosco Alfonso, ás 18.00h, terá lugar a mesa redonda sectorial ‘Situación actual da banda deseñada’: un encontro profesional para tratar a actualidade do sector e temas de interese como a situación do Libro Blanco del Cómic en España, elaborado polo Ministerio de Cultura. A actividade é de acceso libre, sen necesidade de inscrición previa. Na mesa, moderada por Neves Rodríguez, participarán Daniel Coronado (mánager de Omega Center), Ricardo Esteban (editor en Nuevo Nueve), Pedro F. Medina (editor en Fandogamia), Anabel Colazo (autora de BD), Uxía Larrosa (autora de BD), Sira González (Bibliotecas Municipais da Coruña) e Sanmi (responsable de Alita Cómics).

Para o público familiar, durante a fin de semana continuará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez (de 11.30 a 13.30h), espazo que tamén acollerá os obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (12.00, 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este sábado 12 asinarán as súas obras Martín Romero (Astiberri Ediciones, 12.30h), Paula Cheshire (Libraría Paz, 12.30h; e Fandogamia, 18.00h), Manel Cráneo e Brais Fierro (Demo Editorial, 18.30h), Miguel Fernández (Libraría Paz, 19.00h), Alberto Varela (Anaya, 19.00h); Santy Gutiérrez (Demo Editorial, 19.30h); e, ao longo da xornada, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias (T-Raptor Editorial). Finalmente, o domingo 13, o ilustrador e animador Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, firmará exemplares das súas obras na xornada de peche da Rúa da BD. A cita será ás 12.30h no expositor de Astiberri Ediciones.