Viñetas desde o Atlántico 2023

26 ANOS DUNHA CITA INTERNACIONAL DE REFERENCIA

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas, actividades paralelas e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2023 celebra a súa 26ª edición do 7 ao 13 de agosto. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galego, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresa á Coruña cun novo rumbo, como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas.

Este 2023, Viñetas desde o Atlántico propón unha edición que dá voz e presenza ás mulleres no mundo da banda deseñada. Unha edición que rende unha merecida homenaxe a figuras recentemente desaparecidas. Unha edición que abre xanelas ao mundo da animación, consciente, precisamente, do grandísimo traballo que se está a realizar desde A Coruña. Unha edición que busca a diversidade e que pon en valor as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na cidade ao redor deste rico xénero e que tende pontes, por exemplo, con iniciativas da Coruña como Autobán e a súa coidada proposta de fanzine de ‘banda deseñada’ alternativa. Esta é, tamén, unha edición que busca aumentar a presenza do público infantil e familiar con accións participativas.

Nesta nova etapa, Viñetas propón un novo modelo de xestión, mantendo a aposta pola excelencia e abríndose a novas formas de facer e de mirar. É por iso que o seu protagonismo recae nas autorías locais -agrupadas nos colectivos Coruña Gráfica e Autobán- e nas autorías femininas, que teñen unha presenza maioritaria na cita.

Viñetas desde o Atlántico é tamén un espazo de promoción da cultura e das artes. Un festival de banda deseñada para celebrar a arte do xénero e aos grandes artistas locais, nacionais e internacionais. Unha plataforma para promover e difundir a cultura na cidade, creando un ambiente vibrante e diverso, con actividades infantís e profesionais e coa súa xa clásica “Rúa da BD”, que reúne a editoras e librerías de prestixio de toda España. Como novidade, Viñetas sumará este ano a música e o cinema ao seu cartel, cun concerto ilustrado e unha coidada serie de proxeccións cinematográficas.

Sete grandes exposicións conforman o corazón de Viñetas neste 2023

Un ano máis, o Kiosco Alfonso será o corazón expositivo de Viñetas desde o Atlántico. A esta sala municipal súmanse outras como PALEXCO, o Palacio Municipal, A Casa Museo Picasso ou Casa Cultura de Salvador de Madariaga. Todas as exposicións estenderanse no tempo máis aló da celebración da propia feira, desde o 7 de agosto até o 10 de setembro.

Na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar dúas mostras das que este novo Viñetas está especialmente orgulloso: a primeira homenaxe expositiva ao recentemente finado Calpurnio, universalmente coñecido como o autor de El bueno de Cuttlas, a tira cómica que durante anos ilustrou El País Semanal. A exposición Homenaxe a Calpurnio componse de preto de 200 orixinais, ademais dun centenar de obxectos de culto, como libros, cómics, portadas de discos e secuencias das súas películas.

A segunda exposición da que poderemos gozar en PALEXCO exemplifica a evolución de Viñetas como plataforma que integra novas linguaxes e que aposta polo talento local: Alberto Vázquez: do cómic á animación é unha oportunidade única para mergullarse no universo artístico deste multipremiado creador coruñés -gañador do Goya en 2023 pola súa longametraxe de animación Unicorn Wars– e a súa riquísima imaxinación, a través de orixinais das súas bandas deseñadas e detalles dos seus procesos de animación.

O Palacio Municipal expoñerá por primeira vez na Coruña o traballo dos italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte. A exposición Las chicas del Pillar. Poniendo rumbo a nuevas aventuras: cómo nace una historia de cómic propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar.

Inmersos aínda na celebración do Ano Picasso, a súa casa museo na Coruña súmase á celebración de Viñetas desde o Atlántico e acollerá unha exposición de poesía gráfica de Laura Pérez Vernetti, considerada como unha das mellores historietistas españolas, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona. Con ela, Viñetas ábrese a un dos xéneros máis novos do cómic actual, a poesía gráfica, coa exposición VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca. Por Laura Pérez Vernetti, un traballo sobresaliente e dunha sensibilidade única, coa que a artista capta o universo interior dun dos nosos máis lúcidos creadores literarios.

Mención especial merece a mostra chegada do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía Mujercitas del mundo, ¡uníos!, que descobre o traballo das grandes pioneiras do cómic en España, desde a Transición ata a actualidade, con nomes tan significativos como os de Núria Pompeia, Rosa Lleida, Sara Presutto, Montse Clavé, Isa Feu, Mariel Soria, Marika Vila e Laura Pérez Vernetti , entre moitas outras autoras imprescindibles.

Na cita non faltará tampouco un vivo escaparate do panorama actual da historieta na cidade, cunha exposición que abre unha nova liña de traballo para Viñetas: BD na Coruña que bonita é. Banda deseñada creada desde A Coruña, comisariada por Manel Cráneo -autor do cartel desta 26º edición da mostra-. A través dos orixinais de 26 autores e autoras locais, a exposición é unha fotografía que ensina unha instantánea diversa e variada en técnicas e estilos e que poñe en valor unha riquísima escena local da que podemos presumir con orgullo.

Como ven sendo habitual, Viñetas desde o Atlántico expón os traballos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada convocado pola Deputación da Coruña. Neste caso, a cita contará cos proxectos presentados á edición número XVII celebrada no pasado ano 2022, que poderán verse na Sala Municipal de Exposicións Salvador de Madariaga. Os traballos gañadores e que forman a exposición son os seguintes: na modalidade xeral, a obra ‘O bico da serea’, de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista; e, na modalidade LIX, a obra ‘Contando estrelas’, do noiés Francisco Pérez.

En definitiva, máis dun centenar de exposicións, charlas, visitas, firmas de libros, proxeccións de cinema, música e talleres converterán de novo A Coruña na capital universal do cómic este mes de agosto.

Benvidas e benvidos a Viñetas desde o Atlántico 2023!

Ibáñez en Viñetas desde o Atlántico 2023

O recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española da Transición, visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón.

Viñetas desde o Atlántico 2023 non pode pasar por alto esta triste perda e, en recordo de Ibáñez, incluirá un punto continuado de lectura das súas obras, situado nas Bibliotecas Municipais da cidade. Velaquí unha proposta para que todos los públicos poidan achegarse ou reconectar coa súa figura e a súa obra a través de icónicos títulos e personaxes xa inmortais no imaxinario da banda deseñada universal.

O cartel de Viñetas desde o Atlántico 2023

“VOLTOU O XERIÓN”

O ilustrador coruñés Manel Cráneo asina un cartel que ten, como xa é tradición, á Torre de Hércules como protagonista. A súa ilustración inspírase no Xigante Xerión, que voltou á Coruña e secruestrou os elementos máis importantes da banda deseñada na Torre.

Baixo o seu dominio, o xigante ten un rabaño de aparentes ovellas, que realmente son bocadillos de pensamento. Dentro das viñetas que forman as fiestras da torre, Xerión engaiolou metáforas visuais, onomatopeias e demais bocadillos.

O tirano defende o seu botín cun enorme machado en forma de bocadillo que contén a metáfora visual da morte, que é o seu propio sino. Ao mesmo tempo, o gran heroe Hércules, armado cun lapis espada e un escudo en forma de páxina de BD, disponse a derrocar ao malvado xigante e liberar os elementos narrativos do cómic, para que A Coruña goce un ano máis de todas as marabillas que este xénero ofrece en Viñetas desde o Atlántico.

Este exercicio de metalinguaxe converte aos personaxes históricos coruñeses en personaxes de historieta e rende homenaxe á linguaxe propia da banda deseñada. O cartel é tamén unha chamada á supervivencia e á resistencia dun evento internacional que cumpre 26 anos de existencia impulsado polo Concello da Coruña e que nesta nova edición conta co apoio e a participación do sector profesional local.

Sobre o autor del cartel de Viñetas desde o Atlántico 2023

Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é un dos máis veteranos autores galegos, activo desde mediados dos anos 90. Publicou historietas de autor para revistas españolas como Dos Veces Breve, La Resistencia e La Residencia de Autores, entre moitas outras.

Como autor completo, publicou novelas gráficas e albumes como Destino Hërgüss, A fraga Milmañas, Os lobos de Moeche, Cousas de mortos e Damsmitt, este último, con guión de Kike Benlloch. É tamén autor de cómic-books como Nabiza Girl, secuela do personaxe teatral de Isa Risco, con guión de Carlos Ares.

Cráneo foi recentemente premiado na Gala do Libro Galego co Premio Follas Novas á mellor BD 2022 pola obra Roxín Roxal, a daga do conde, realizada en coautoría co debuxante Brais Fierro. Na actualidade, prepara a versión en novela gráfica do long seller A nosa Cinza, de Xavier Alcalá, que verá a luz a finais de 2023.

A súa implicación co sector profesional do cómic e a ilustración leváronlle a fundar Demo Editorial, editorial de cómic galego de referencia, e a ser impulsor da plataforma Coruña Gráfica. Foi un dos fundadores e o primeiro presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) en 2003 e, tamén, vicepresidente da Federación Española de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP).

Pasadas edicións do festival