Skip to main content

Ilustrado co cartel da presente edición do Salón Internacional do Cómic da Coruña, obra do seu director, o debuxante Miguelanxo Prado

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de cuñar o primeiro selo da edición durante o acto de presentación do programa oficial deViñetas desde o Atlántico 2022 que abrirá as suas portas o luns 8 de agosto.

Trátase dunha tirada oficial de selos personalizados de Tarifa A, para uso en sobres normalizados e franqueo en territorio nacional e illas. Tamén se lanzou un sobre conmemorativo do primeiro día de circulación do selo

Viñetas desde o Atlántico xa ten o seu selo. Coincidindo cunha celebración tan especial, as súas vodas de prata, Correos emitiu un selo ilustrado co cartel oficial deste 25 aniversario do Festival Internacional do Cómic da Coruña, obra do seu director, o debuxante Miguelanxo Prado.

A tirada deste selo conmemorativo é a oficial para selos personalizados de tarifa A, isto é, os que poden usarse en sobres normalizados ata 20 gramos de peso que circulen dentro do territorio nacional e illas. Ademais editouse un sobre conmemorativo do primeiro día de circulación do selo en cuestión.

A imaxe que ilustra o selo ten como protagonista á Torre de Hércules, un emblema que figura en todos os carteis que ao longo deste cuarto de século serviron para presentar cada edición do festival. Non en balde, esa é a única condición que se lle impón aos autores convidados a deseñalo,  os máis destacados creadores que pasaron polo Salón Internacional do Cómic ao longo destes anos.Todo un luxo.

A presentación do mesmo tivo lugar hoxe, coincidindo coa difusión do programa de Viñetas desde o Atlántico 2022 no Concello coruñés. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, foi a encargada de cuñar o primeiro selo nun acto ao que asistiu Francisco Javier Varela Castro, director da Oficina Principal de Correos da cidade, e José Luis Rey, presidente da Sociedade Filatélica de A Coruña.