Skip to main content

A mostra dedicada ao creador de ‘El bueno de Cuttlas’, a primeira homenaxe pública que recibe logo do seu falecemento, contará con 200 pezas orixinais da súa produción e un cento de obxectos de colección vinculados a súa obra

Este xoves, 10 de agosto, na súa cuarta xornada, o Salón Internacional do Cómic da Coruña contará, ademais, coas sinaturas de dous grandes autores galegos de prestixio internacional, Emma Ríos e David Rubín

Entre as propostas expositivas desta 26ª edición do Viñetas, na Sala de Exposicións de PALEXCO o público poderá visitar Homenaxe a Calpurnio, unha mostra comisariada por Álvaro Pons e Asier Mensuro que supón a primeira homenaxe pública ao grande ilustrador recentemente falecido.

Eduardo Pelegrín Martínez de Pisón (Zaragoza, 1959 – Valencia, 2022), máis coñecido como Calpurnio Pisón ou Calpurnio, foi un ilustrador, historietista e guionista español. A súa obra máis coñecida é El Bueno de Cuttlas, cómics que adquiren gran fama ao formar parte, durante anos e a modo de tira cómica, en El País Semanal. Outras creacións notables son as súas adaptacións da Odisea e da Ilíada, así como a do Tao Te Ching, que queda inconclusa debido ao seu falecemento. Calpurnio foi además autor de numerosos traballos audiovisuais e de artes gráficas, que inclúen carteis, portadas de discos e películas de animación.

Este 2023, Viñetas desde o Atlántico propón un repaso á figura de Calpurnio a través das súas diferentes facetas artísticas, na que será a primeira homenaxe pública ao artista. A mostra Homenaxe a Calpurnio rescata para o público 200 pezas orixinais da súa produción de cómics e un centenar de obxectos de colección relacionados coa súa figura e os seus emblemáticos personaxes, como libros, portadas de discos, secuencias das súas películas, etc.

Paralelamente, este xoves, 10 de agosto, Viñetas desde o Atlántico 2023 contará coas sinaturas de dous dos grandes talentos do cómic internacional de orixe galego e estreitamente vinculados á cidade da Coruña: Emma Ríos e David Rubín visitarán a Rúa da BD para asinar exemplares das súas obras.

Por outra banda, a Biblioteca Durán Loriga acollerá, este xoves 9 ás 10.30h, o último dos obradoiros infantís de iniciación á banda deseñada; e, á mesma hora, a Biblioteca de Estudos Locais remata tamén a última sesión do taller profesional express de novela gráfica, ambos organizados da man de Coruña Gráfica.

Na súa aposta pola transversalidade entre diferentes xéneros artísticos e pola posta en valor da creación local, na mañá deste xoves 10 a música súmase a Viñetas desde o Atlántico 2023 co concerto matinal Viñetas musicais galegas, do que o público poderá gozar no corazón do Salón: Internacional do Cómic: os Xardíns de Méndez Núñez. A actuación -prevista para ás 12.00h- será da Banda Municipal de Música da Coruña, baixo a batuta de Nilo García Armas.

Ademais, para o público familiar, durante a mañá (de 11.30 a 13.30h) estará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música do Xardíns de Méndez Núñez, espazo que pola tarde acollerá dous novos obradoiros para nenas e nenos de Viñetas Lab (ás 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este xoves, 10 de agosto, asinarán as súas obras David Rubín, en Astiberri Ediciones, ás 12.30h, e en Demo Editorial, ás 19.30h; Antonio Seijas, en Alita Cómics, ás 17.00h; Eli García, en Libraría Paz, ás 18.00h; Xulia Vicente, en Alita Cómics, ás 19.00h; Emma Ríos, en Astiberri Ediaciones, ás 19.30h; e, como cada día, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias, de xeito continuado en T-Raptor Editorial.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA DÍA A DÍA DO FESTIVAL