Skip to main content

Na noite deste mércores, 9 de agosto, Viñetas desde o Atlántico 2023 vivirá O lume, de David Rubín, como nunca antes o fixera. En forma de audioficción, dramatizada por Xosé Barato e presentada por Neves Rodríguez, no Teatro Colón, ás 22.00h. Antes, Rubín firmará exemplares da súa obra no Kiosco Alfonso (ás 21.00h).

Ademais, nesta terceira xornada de Viñetas 2023, o cómic italiano toma A Coruña coa presenza de Teresa Radice e Stefano Turconi, autores de Las chicas del Pillar, que percorrerán a mostra adicada á súa obra na Sala de Exposións de María Pita en dobre sesión, ás 12.00h e ás 18.30h, cando tamén asinarán exemplares (ás 19.00h).

Por outra banda, ás 13.00h, a pioneira do cómic Laura Pérez Vernetti -acompañada polo comisario Asier Mensuro- guiará na Casa Museo Picasso ao público pola súa mostra VIVE LA VIDA e outras poesías gráficas de Luis Alberto de Cuenca, formada polos orixinais da súa obra homónima, de poesía gráfica. A autora estará, ademais, asinando libros de forma previa no Kiosco Alfonso, ás 11.30h.

A Sétima Arte fai a súa aparición en Viñetas desde o Atlántico cun novo ciclo de cinema de animación para públicos de todas as idades, baixo o título Órbita Animada. As proxeccións, que terán lugar no Teatro Colón, darán comezo este mércores con dous pases: Lupin III: The First, ás 16.30h, e Spider-Man: Into the Spider-Verse, ás 18.30h.

Para o público familiar, durante a mañá, de 11.30 a 13.30h, estará dispoñible a Comicteca infantil no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, espazo que, pola tarde, acollerá dous novos obradoiros infantís de Viñetas Lab (ás 18.00 e 19.00h).

Na Rúa da BD, aberta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h, este mércores, 9 de agosto, asinarán as súas obras Teresa Radice e Stefano Turconi (Las chicas del Pillar), en Nuevo Nueve, ás 17.30h; David Rubín (O Lume), en Demo Editorial, ás 18.30h; e Ramón D. Veiga (Miñoca), en Anaya, ás 20.00h; e, como cada día, Javier Monja Potente e Frank Peñas Arias, de xeito continuado en T-Raptor Editorial.

CONSULTA AQUÍ O PROGRAMA DÍA A DÍA DO FESTIVAL