Skip to main content

A Coruña, 28 de xullo de 2023.- Como ven sendo habitual, Viñetas desde o Atlántico expón os traballos gañadores do Premio Castelao de Banda Deseñada convocado pola Deputación da Coruña. Neste caso, a cita contará cos proxectos presentados á edición número XVII celebrada no pasado ano 2022.

Os traballos gañadores e que forman a exposición son os seguintes: na modalidade xeral, a obra ‘O bico da serea’, de Siqi Luis Yang como debuxante e Uxía Larrosa como guionista; e, na modalidade LIX, a obra ‘Contando estrelas’, do noiés Francisco Pérez.

Sobre ‘O bico da serea’, o xurado salientou “a poética e a gráfica” da proposta, ao tempo que indicou que “o guión tamén toca diversas temáticas interesantes e con moita carga literaria que deleita os ollos e estimula a imaxinación”. A obra narra a historia da relación entre unha rapaza preadolescente e unha serea, e nela a vida cotiá e a rutina diaria vanse entrelazando con aspectos fantásticos e mitolóxicos.

Mentres, sobre ‘Contando estrelas’, o xurado menciona “a súa delicadeza e coidada ilustración”, así como o interese por “tratar temas cos que todas podemos sentirnos identificadas, a través das metáforas coas estrelas e por traballar con elementos do imaxinario colectivo”. A obra está composta por relatos curtos, todos eles protagonizados por estrelas, que van tratando temáticas contemporáneas e comúns da sociedade actual como a soidade e a perda.

Siqi Luis Yang (Madrid, 1993) medra na Coruña, cidade onde reside actualmente. Cursa Belas Artes na Universitat Politécnica de Valencia e o máster de Obra Gráfica na Fundación CIEC de Betanzos.

Uxía Larrosa Villanueva (A Coruña, 1993) estuda Belas Artes na Universidade de Barcelona, cursando a especialidade de gravado, e o máster en Cine e Audiovisual Contemporáneo na Universidade Pompeu Fabra.

Francisco Pérez Villanueva (Noia, 1975), quen asina os seus traballos coma Quico, estudou o curso de Gravado e Técnicas de Estampación na Escola de Artes e Oficios Ramón Falcón de Lugo. Colabora con distintas editoriais con traballos de ilustración e portadas.