Skip to main content

Viñetas desde o Atlántico 2023 propón un novo ciclo de cinema de animación, unha audioficción e un concerto ilustrado dentro das súas actividades paralelas

A Coruña, 1 de agosto de 2023.- Visitas guiadas, audioficción, música, cinema, obradoiros profesionais e infantís, un encontro sectorial, unha mesa redonda, a xa tradicional Rúa da BD -que concentrará máis de 40 expositores de librarías e editoras de referencia do sector do cómic de toda España, con firmas de libros, charlas e outras accións abertas ao público- e o programa parelelo de Autobán conforman o programa completo do 26º festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña Viñetas desde o Atlántico este 2023.

Da man de Viñetas 2023, Laura Pérez Vernetti e os italianos Teresa Radice e Stefano Turconi visitarán á Coruña para ofrecer unha visita guiada ás súas exposicións, mentres que a mostra ¡Mujercitas del mundo, uníos! contará tamén cun paseo guiado polos seus comisarios e autoras.

Pola súa banda, o Teatro Colón acollerá unha mesa redonda coas pioneiras do cómic underground adulto en España, ademais de programar, tamén, a novidosa audioficción da novela gráfica ‘O lume’, de David Rubín, elixida como o mellor cómic español de 2022.

O cinema e a música súmanse este 2023 á órbita de Viñetas desde o Atlántico con dúas propostas que terán lugar, tamén, no Teatro Colón: por unha parte, os filmes de animación Lupin III: The First, Spider-Man: Into the Spider-Verse, The First Slam Dunk e Akira 4K conforman o novo ciclo de cinema Órbita Animada. Por outra parte, o público poderá gozar, tamén no Teatro Colón, dun concerto ilustrado, que fusionará en directo a música da banda coruñesa de metal y sludge Hongo coas ilustracións creadas ao vivo polos artistas de BD da Coruña Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde.

Ademais, este 2023 Viñetas desde o Atlántico quere tender pontes co sector da banda deseñada coruñesa e suma a celebración paralela do mercado de autoedición Autobán, con máis 70 propostas artísticas chegadas de toda a Península, ademais de música, obradoiros, exposicións, un combate de ilustración e outras actividades, que se celebrarán o sábado 12 de agosto na Praza de San Andrés ao longo de toda a xornada.

 

PROGRAMA DE ACTIVIDADES DE VIÑETAS DESDE O ATLÁNTICO 2023

* Todas actividades son de acceso libre, ata completar aforo.

Visitas guiadas

VISITA GUIADA POLOS COMISARIOS E AS AUTORAS Á EXPOSICIÓN ‘¡MUJERCITAS DEL MUNDO ENTERO, UNÍOS!’

Martes 8 de agosto. Dous pases: 12.00h e 18.00h. No Kiosco Alfonso

Os comisarios da exposición Raquel Jimeno, Alberto Medina e Guillermo Cobo desvelarán os detalles da mostra nun paseo guiado pola mesma. As visitas son abertas ao público, sen necesidade de inscrición previa.

VISITA GUIADA POLA AUTORA E O COMISARIO Á EXPOSICIÓN ‘VIVE LA VIDA E OUTRAS POESÍAS GRÁFICAS DE LUIS ALBERTO DE CUENCA. POR LAURA PÉREZ VERNETTI’

Mércores 9 de agosto, ás 13.00h. Na Casa Museo Picasso

A autora Laura Pérez Vernetti, pioneira do movemento underground na España dos 80 e considerada como unha das mellores historietistas españolas de todos os tempos, gañadora en 2018 do Gran Premio do Salón del Cómic de Barcelona, visita Viñetas desde o Atlántico para ofrecer un paseo guiado pola súa exposición, xunto ao comisario da mesma, Asier Mensuro. A visita é aberta ao público, sen necesidade de inscrición previa.

VISITA GUIADA POLOS AUTORES Á EXPOSICIÓN ‘LAS CHICAS DEL PILLAR’

Mércores 9 de agosto. Dous pases: 12.00 e 18.30h. Na Sala de Exposicións do Palacio Municipal

Os autores italianos Teresa Radice e Stefano Turconi, considerados como uns dos máis relevantes creadores do panorama actual europeo da Novena Arte, desvelarán os detalles da súa mostra nun paseo guiado pola mesma. A guionista e o debuxante asinarán exemplares da súa obra ao finalizar a actividade (ás 19.00h). A visita é aberta ao público, sen necesidade de inscrición previa

Mesas redondas

PIONEIRAS DO CÓMIC UNDERGROUND ADULTO

Martes 8 de agosto, ás 19.00h. No Teatro Colón

As autoras Isa Feu, Laura Pérez Vernetti, Marta Guerrero, Marika Vila e Elisa McCausland visitan Viñetas desde o Atlántico 2023 para participar nunha conversa aberta ao público sobre a súa exposición ‘Mujercitas del mundo entero, uníos!’. A mesa redonda estará moderada e presentada pola autora Elisa McCausland.

SITUACIÓN ACTUAL DA BANDA DESEÑADA

Sábado 12 de agosto, ás 18.00h. No Kiosco Alfonso

 Un encontro profesional para tratar a actualidade do sector e temas de interese como a situación do Libro Blanco del Cómic en España, elaborado polo Ministerio de Cultura. Participan: Daniel Coronado (manager de Omega Center), Ricardo Esteban (editor en Nuevo Nueve), Pedro F. Medina (editor en Fandogamia) e Rodrigo Zayas (Debuxante). Modera: Roberto San Miguel ‘Sanmi’ (manager de Alita Cómics). Duración: 90 minutos.

Audioficción

AUDIOFICCIÓN ‘O LUME’ DE DAVID RUBÍN

Mércores 9 de agosto, ás 22.00h. No Teatro Colón

Viñetas 2023 presenta unha audioficción dramatizada por Xosé Barato e presentada por Neves Rodríguez, que adapta a un novo formato unha das obras máis premiadas do cómic español en 2022 e 2023: El fuego (Astiberri Ediciones) / O lume (Demo Editorial), de David Rubín.

O historietista e animador galego David Rubín -gañador, entre moitos outros, do Premio Josep Toutain ao autor revelación do Salón do Cómic de Barcelona en 2007, ademais de ser nominado en catro ocasións aos Premios Eisner, os Oscar do mundo do cómic- fará unha breve introdución ao espectáculo, nunha conversa con Neves Rodríguez sobre o proceso creativo da obra. A intervención estará acompañada de proxeccións. A continuación, chegaralle a súa quenda á audioficción. Antes do inicio do evento, ás 21.00h, o autor asinará exemplares da obra El fuego (Astiberri Ediciones) / O lume (Demo Editorial), editada en galego e en español, no hall do propio Colón.

Música

CONCERTO DE HONGO, ILUSTRADO POR PAZ RODRÍGUEZ, LUIS YANG E JULIA ABALDE

Luns 7 de agosto, ás 21.00h. No Teatro Colón

Música e ilustración danse a man nun espectáculo que lle poñerá a guinda á xornada inaugural deste Viñetas 2023. Este concerto ilustrado contará con música en directo a cargo da banda coruñesa Hongo, que será ilustrado ao vivo por tres queridos autores do panorama da autoedición de banda deseñada coruñesa: Paz Rodríguez, Luis Yang e Julia Abalde. A execución das ilustracións por parte dos artistas será proxectada en tempo real no Colón mentres a banda actúa.

VIÑETAS MUSICAIS GALEGAS

Xoves 10 de agosto, ás 12.00h. Nos Xardíns de Méndez Núñez

Na súa aposta pola transversalidade entre diferentes xéneros artísticos e pola posta en valor da creación local, a música súmase a Viñetas co concerto matinal ‘Viñetas musicais galegas’, do que o público poderá gozar no corazón da mostra, os Xardíns de Méndez Núñez. A actuación corre a cargo da Banda Municipal de Música da Coruña, baixo a batuta do director Nilo García Armas.

Cinema

ÓRBITA ANIMADA. CICLO DE CINEMA

Mércores 9 de agosto, ás 16.30 e 18.30h. Venres 11, ás 12.00 e 17.00h. No Teatro Colón

A Sétima Arte fai a súa aparición en Viñetas desde o Atlántico cun novo ciclo de cinema para públicos de diferentes idades, que poderán gozar das proxeccións en pantalla grande, no Teatro Colón, dos filmes de animación Lupin III: The First, Spider-Man: Into the Spider-Verse, The First Slam Dunk y Akira 4K.

Sesións mércores 9 de agosto

16.30h Lupin III: The First (93 min. +7 anos)

18.30h Spider-Man: Into the Spider-Verse (116 min. +17 anos)

Sesións venres 11 de agosto

12.00h The First Slam Dunk (124 min. +7 anos)

17.00h Akira 4K (124 min. + 12 anos)

Ibáñez en Viñetas

IBÁÑEZ EN VIÑETAS

Do 7 ao 12 de agosto. De luns a xoves, de 9.00 a 20.30h, Venres, 9.00 a 14.00 e 16.00 a 20.30h. Sábados, 10.00 a 14.00 e 17.00 a 20.30h. Nas Bibliotecas Municipais

O recentemente finado Francisco Ibáñez, historietista de referencia e autor de personaxes fundamentais da cultura popular española da Transición, visitou Viñetas desde o Atlántico na súa primeira edición, hai hoxe 26 anos. Foi entón, en agosto de 1998, cando A Coruña acolleu unha exposición en homenaxe á súa figura polo 40 aniversario de Mortadelo e Filemón.

Viñetas desde o Atlántico 2023 non pode pasar por alto esta triste perda e, en recordo de Ibáñez, incluirá un punto continuado de lectura das súas obras nas Bibliotecas Municipais da cidade. Velaquí unha proposta para que todos los públicos poidan achegarse ou reconectar coa súa figura e a súa obra a través de icónicos títulos e personaxes xa inmortais no imaxinario da banda deseñada universal.

Autobán

AUTOBÁN: MERCADO E OBRADOIROS

Sábado 12 de agosto, de 12.00 a 01.00h. Na Praza de San Andrés

Viñetas desde o Atlántico propón unha edición 2023 que pon en valor o sector e as autorías locais, erixíndose como o paraugas que arroupa todo o que sucede na Coruña ao redor do cómic e que tende pontes con iniciativas da cidade como Autobán e a súa coidada proposta de fanzine de banda deseñada alternativa.

O Mercado de Autoedición de Autobán ofrece a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Este ano conta con máis de 70 propostas chegadas de toda a Península. O mercado desenvolverase na Praza de San Andrés coa axuda da Galería Grelería e contará con música ao longo de todo día a cargo de Pinchos e Pinchadas, Willy the Squid, PUTA PUTA PUTA, Pandereperras e outras artistas. Non faltarán á cita delicias veganas e unha cata de cervexas artesás de Alé Alé. Tamén haberá obradoiros (para público adulto e infantil), exposicións, un combate de debuxantes e moitas outras sorpresas.

Encontro sectorial

PECHE DE VIÑETAS 2023

Sábado 12 de agosto, 21.00h. No Copacabana Coruña

Un distendido acto profesional que servirá de espazo de conversa e lugar de encontro para o sector, co fin de valorar a edición actual da feira e de escoitar suxerencias de mellora para a vindeira edición de Viñetas 2024.

E, ademais…

OBRADOIROS PROFESIONAIS E INFANTÍS NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS

ESPACIO INFANTIL: VIÑETAS LAB E COMICTECA

 

CONSULTA TODA A INFORMACIÓN NA SECCIÓN ACTIVIDADES.