Skip to main content

Considerados como dous dos autores máis relevantes no panorama europeo da Novena Arte, a guionista Teresa Radice e o debuxante Stefano Turconi poñeranlle o acento internacional a esta nova edición de Viñetas desde ou Atlántico. A exposición que presenta por primeira vez o seu traballo na Coruña propón un discurso expositivo continuo, artístico e didáctico, que mostra, mediante orixinais, o proceso creativo dun dos cómics máis celebrados dos creadores: Las chicas del Pillar. O público poderá descubrir borradores, guións, bosquexos, o proceso de coloreado e debuxos finais da historieta, entre moitas outras curiosidades e detalles.

Con Las chicas del Pillar, Teresa Radice e Stefano Turconi regresan aos ambientes da novela gráfica que lles fixo famosos a nivel internacional, El puerto prohibido. Os dous tomos que conforman a obra, ambientados na Inglaterra de principios do século XIX, reúnen unha serie de relatos dedicados ás prostitutas do Pillar to Post, o bordel que é o epicentro da vida do Porto de Plymouth. Con Las chicas del Pillar, os autores abordan temas universais como o racismo, a condición de ser muller, a liberdade e a diversidade, nun emocionante mosaico narrativo, que nos axuda a mergullarnos nos usos e costumes dunha época icónica de tabernas mariñeiras e rúas con cheiro a sal.

SOBRE O PROCESO CREATIVO DE ‘LAS CHICAS DEL PILLAR’

Durante a súa visita á Coruña, Teresa Radice e Stefano Turconi conversaron co público e a prensa acerca do seu singular proceso creativo, cociñado a fogo lento, dun modo artesanal e extensamente documentado. En palabras de Radice, nas súas creacións “todo parte sempre dunha idea, do desexo de contar unha historia, dunha personaxe histórica sobre a que escoitamos, dunha emoción que sentimos, dunha viaxe que fixemos. O noso é un proceso creativo longo, que comprende varios anos. Empeza cunha primeira fase na que pensamos esa historia que queremos contar: entón empezamos coa documentación, a investigación sobre o período histórico, os planos das rúas e edificacións, o vestiario da época, os seus patróns…”. “Todo isto é fundamental para o noso traballo”, apunta Turconi.

E Radice continúa: “Logo eu empezo a escribir toda a historia, só para min, co meu caderno de notas, a man. Mentres, Stefano fai o estudo de personaxes; el vainos debuxando e vai definindo os seus trazos en paralelo”. Unha vez finalizado este proceso, chega o momento no que Teresa Radice comparte a súa historia cos seus dous fillos, Viola e Michele: son eles os que a testean, os que primeiro ven se a cousa funciona. E, unha vez que todo encaixa, “cando a historia está guionizada, Stefano fai todos os bosquexos da historieta a man e vaille dando forma a todas as viñetas de forma precisa. Finalmente, realiza a coloración das viñetas de forma dixital, para rematar todo o proceso que ata entón fora exclusivamente artesanal”.

SOBRE TERESA RADICE E STEFANO TURCONI

Teresa Radice e Stefano Turconi naceron en Lombardía a mediados dos anos 70… pero non se coñeceron ata o ano 2004, grazas a un rato con orellas como tixolas e unha pistola lanza ventosas. Ela gáñase a vida escribindo historias mentres que el faino debuxándoas. Gustáronse enseguida e ao ano seguinte casaron. Descubriron que os dous son viaxeiros curiosos, lectores omnívoros e soñadores indómitos e partiron a descubrir mundo, levando botas e mochila. De camiñar xuntos a contar xuntos só hai un paso moi breve.

Os seus primeiros traballos a catro mans foron para Topolino, a revista semanal de Disney, para a que farían decenas de historias, entre as que se contan os quince episodios ambientados nos anos 30 de Pippo Reporter (Goofy reportero, 2009-2015), Topolino e il grande mare di sabbia (Mickey y el gran mar de arena, 2011), Zio Paperone e lisola senza prezzo (El tío Gilito y la isla sin precio, 2012), Topinadh Tandori e la rosa del Rajasthan (2015) e unha versión de La isla del tesoro, de R. L. Stevenson, protagonizada por Mickey Mouse (2015).

No ano 2011 mudáronse á Casa Sen Norte —a dez minutos en bicicleta da granxa, vinte minutos a pé do bosque e media hora en tren do lago— e plantaron as súas primeiras árbores. No seu refuxio creativo, os caixóns sen fondo exceden con proxectos de cousas por facer, lugares que ver e xente á que coñecer.

En 2013 apareceu Lila Trotamundos (premio Boscarato 2014 á mellor historieta para xente nova, premio Jeunesse nos Bédécine Illzach de 2015 e Selection Jeunesse en Angouleme 2016). Para un público máis adulto realizaron El puerto prohibido, publicado por Bao Publishing en 2015, e que tamén conta cunha Artist Edition de luxo. Gañou o Gran Guinigi aá mellor novela gráfica en Lucca Comics 2015, así como o Premio Micheluzzi á mellor historieta do ano na Napoli Comicon de 2016.

En 2017 publicaron, tamén con Bao, No te canses de caminar, novela gráfica que en moi poco tempo obtivo un grande éxito de crítica e público, gañando o premio da Scuola Italiana en Romics 2018 e o premio do xurado popular Segafredo Zanetti, da cidade de Asolo. Despois crearían para un público infantil e xuvenil as series Orlando Curioso (2017) e Tosca de los bosques (2018).

En 2019 recuperan o mundo de El puerto prohibido co primeiro volumen de Las chicas del Pillar. Os froitos máis orixinais da súa colaboración teñen os ollos grandes e a cabeza xa chea de historias. Chámanse Viola e Michele.