Skip to main content

O público poderá inscribirse nos diferentes talleres, que son de acceso gratuíto cun número máximo de asistentes, a partir deste xoves, 3 de agosto, ás 10.00 horas

A Coruña, 29 de xullo de 2023.- Viñetas desde o Atlántico 2023 contará nesta 26ª edición cunha vintena de obradoiros infantís e profesionais abertos ao público, cuxas inscricións actívanse a partir deste xoves, 3 de agosto, ás 10.00h.

Deste xeito, neste 2023, a mostra internacional de banda deseñada da cidade da Coruña estrea unha nova actividade lúdica orientada ao público infantil: a iniciativa Viñetas Lab, que do 7 ao 13 de agosto reunirá unha ‘comicteca’ e un total de 15 obradoiros para nenas e nenos de 6 a 12 anos no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, que estará especialmente decorado para a ocasión.

Pola súa banda, a Biblioteca Durán Loriga acollerá dous talleres infantís de iniciación á banda deseñada e o obradoiro para nenas e nenos ‘As túas primeiras viñetas’, mentres que a Biblioteca de Estudos Locais -no primeiro andar da Casa da Cultura Salvador de Madariaga, na rúa Durán Loriga- poñerá en marcha un ‘Obradoiro express de novela gráfica’ para profesionais, estudantes de arte e afeccionados ao debuxo. Todos os talleres celebrados nas Bibliotecas Municipais están organizados da man de Coruña Gráfica.

O público poderá inscribirse nos diferentes obradoiros, que son de acceso gratuíto cun número máximo de asistentes, a partir do xoves, 3 de agosto, ás 10.00 horas, dos seguintes modos:

  • No caso das Bibliotecas Municipais, chamando por teléfono, acudindo presencialmente ou a través da páxina web https://www.coruna.gal/bibliotecas.
  • No caso de Viñetas Lab. Espazo infantil, as inscricións realizaranse a través do correo electrónico ludidactica@gmail.com. Se o aforo dalgún obradoiro de Viñetas Lab non estivera cuberto coas reservas realizadas a través do correo electrónico, a inscrición poderá facerse, tamén, in situ, por orde de chegada, no propio Palco da Música.
CONSULTA TODA A INFORMACIÓN NA SECCIÓN ACTIVIDADES.