Skip to main content

A cita anual da Coruña co Cómic abrirá oficialmente as súas portas o luns día 8, ás 19 horas

Jesús Alonso Iglesias, responsable da imaxe do último e oscarizado gran éxito de animación cinematográfica, “Spider-man, un nuevo universo” será un dos convidados.

O Palacio de María Pita acolle dúas mostras excepcionais, a de Juanjo Guarnido, e a de Juan Díaz Canales, con orixinais de “El Buscón,” do último  Blacksad e outras obras destes creadores superventas.

David Rubín e Emma Ríos expoñerán asemade os seus últimos traballos.

A Esther de Purita Campos incorpórase esta edición á familia de figuras que toman cada verán A Coruña.

Figuras troqueladas de Blacksad, Xabarín e Hellboy prestaranse a que os fan lles poñan cara 

O luns día 8, ás 19 horas, o Kiosco Alfonso acollerá a inauguración do Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico. Un clásico cada agosto. Só que nesta ocasión o aniversario é máis que especial. Viñetas ten 25 anos. Os seus primeiros 25 anos. Un bo momento para facer repaso do que nestas dúas décadas e media aconteceu no sector da novena arte.

Os creadores convidados pola organización do festival nesta 25 edición conforman o pasado, o presente e mais o futuro da banda deseñada. Achéganse ata Viñetas artistas noveis, emerxentes e consagrados. Todos eles relevantes nos distintos campos polos que transita o cómic e a novela gráfica, a animación ou o cinema. Así, estará na Coruña Alicia Jaraba, que sorprendeu a todos coa súa obra “Soy la Malinche”. Acudirán David Rubín (Gran hotel Abismo) ou Emma Ríos (A cousa do pantano: Contos da ciénaga), hoxe dous creadores consagrados internacionalmente que nas primeiras edicións de Viñetas só eran un par de xoves afeccionados. Estarán tamén Juanjo Guarnido e Juan Díaz Canales, autores de obras ultra editadas en todas as linguas e en todos os países e cun mercado universal, para amosar os orixinais de “El Buscón en las Indias” –que, con guión de Alain Ayroles e debuxos de Guarnido, retoma as desventuras do soado pícaro de Quevedo alí onde a novela as deixou- ou do sexto Blacksad, titulado Todo Cae,  no que o tándem Guarnido e Canalesleva ao protagonista de regreso a Nova York. Os afeccionados aos súper heroes gozarán coa obra de Jesús Alonso Iglesias, o responsable da imaxe do último e oscarizado grande éxito de animación cinematográfica, Spider-man, un nuevo universo. 

Viñetas contará tamén con un referente el el sector, Fernando de Felipe (El hombre que ríe, Museum), e virán Borja González (Grito nocturno), Mayte Alvarado (La Isla) ou Fidel de Tovar e Dani Bermúdez, referentes do manga español (Liquid memories, El tiempo de los tres). Estará Pierre Alary, un dos creadores máis relevantes do mercado francobelga, que sorprendeu coa súa versión libre de El Zorro titulada Don Vega e pola súa adaptación do personaxe de Conan o Bárbaro no relato La reina de la costa negraCarlos Portela e Sergi San Julián volven a Viñetas coa súa novela gráfica A Conta Atrás, que inclúe a segunda parte ata o de agora inédita e que nos traslada de novo á traxedia do Prestige.

Haberá tamén espazo para o Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. Así, a Sala de Exposicións Salvador de Madariaga acollerá os orixinais da obra galardoada en 2021, “Nós seis”, de Julia Lago. Alí se verá “María Casares. En tres actos”, de Inés Vázquez, Rubén Rial e Dani Xove, con guión de Manuel L. Poy. Está editado polo Concello da Coruña e a ilustración da cuberta é de Camille Benyamina.

Ademais das exposicións de orixinais, durante toda a semana hai programadas charlas nas que os creadores convidados conversarán cos seus seguidores. Toda a información de datas e horarios está ao dispor dos interesados no portal web de Viñetas: www.vinetasdesdeoatlantico.com.

A ciencia dos océanos

O Aquarium Finisterrae acollerá a mostra “Viñetas: a ciencia dos océanos”, comisariada por Toni Guiral, que nos achegará ao mundo científico a través do cómic e que estará dedicada á memoria de Paco Franco (Francisco Franco del Amo), o director técnico do acuario coruñés, científico e amigo leal do festival, falecido en setembro do ano pasado.

Esther incorpórase á familia

Nesta edición singular incorpórase á familia de Viñetas a Esther de Purita Campos, que compartirá espazo e selfies con Batman, Spiderman, Superman, os Simpson, Pitufina, o Príncipe Valente, Astérix e Obélix, Mortadelo e Filemón, Blacksad ou Corto Maltés. Ademais, os afeccionados terán a oportunidade de poñerlles ás súas caras ás figuras troqueladas de Blacksad, Hellboy e Xabarín.

A Torre de Hércules multiplicarase por vinte e cinco. Ese monumento tan simbólico acollerá os carteis que foron a imaxe do Salón Internacional do Cómic neste cuarto de século. E diante do Kiosco Alfonso, a Rúa dá BD abrirá as súas portas para que as librarías especializadas e as editoriais presenten e vendan, durante toda a semana, as últimas novidades publicadas.